Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Navantia: Os buzos ao sol

miércoles, 12 de noviembre de 2014
Hai uns meses que os obreiros dos asteleiros Navantia de Ferrol, amarraron os buzos de traballo (aínda non teñen traballo), nas reixas que rodean unha parte do recinto, a denuncia é de aspecto dramático, pero nen con esas consiguen facer que se movan as autoridades.

Ainda por riba da corrupción que asoma a diario, e da indiferencia do goberno por atalla-la, podemos sofrir algún susto máis.

Ivamos, hai pouco, no coche por Ferrol, ensinando a un antergo coñecido, alleo á cidade, as novidades que mostra, e a desesperanza ante tanto anúncio publicitário: “Vende-se”, “Aluga-se”, “Vende-se ou aluga-se”, só faltava ver: “Doa-se”, cando o noso convidado comentou “Bastava con por: Vende-se Ferrol”.

Certa angústia ia-se apoderando dos dous ferroláns, ao tempo que semellou que o invitado, ou non entendía nada, ou non sentía ren. Pasamos a Porta do Dique e seguimos rumo a Caranza para ensinar-lle o pantalán dos veleiros. A muralla dos cuarteis seguía-nos pola direita ao rodar pola rua de Batallons, pasamos o grupo escolar e a piscina e atopamo-nos, quasi de súpeto, cos buzos prendidos ás reixas, simulando bandeiras desgarradas. A tarde presentava-os raídos, magros, enxutos, secos, frouxos, arruinados, desamparados, esfarrapados, bandeados pelo vento, cansados do estupor, castigados, vencidos, vexados, doblemente mortos por afogo e por axfisia, despedazados pela inoperancia, indoléncia, desinterese e abandono dos que desgobernan, e cada vez máis, desgobernan na abundáncia própria e na crise allea, no pracer seu e na dor do outro, no interese próprio e no desprezo ao próximo ...

O carro estava parado, mal aparcado, cando sentimos coma un sobresalto ao ouvir: “Viendo esto, siente uno vergüenza y deseos de emigrar, de alejarse de este país, ¡qué pensarán en el extranjero al ver esto!”. Ao minuto batiu a frase na miña cabeza: “Viendo esto siente uno vergüenza y deseos de emigrar, de alejarse de este país, ¡qué pensarán en el extranjero al ver esto!”.

Contei ate dez para reaccionar, e poder engolir algo de saliva, queimava-me a gorxia. Axiña, comecei a facer-lle perguntas ao noso, cada vez máis descoñecido, e menos amigo, para que me dixera o que opinava. Qué pensarán no estranxeiro da “Caixa B” dun partido que ten maioría absoluta e pelo tanto é responsavel de todos os ministerios, manexa o Congreso e dirixe o Senado?; respondeu quasi sen pensar: “Lo han votado, tiene mayoría por los millones de votos”. Seguín interrogando-lle: qué pensarán de España no estranxeiro, quando saiban que a trama Gurtel roubou valendo-se de cargos políticos?, “Eso no tiene importancia internacional” replicou. Fago-lle outra: qué pensarán no estranxeiro se chegan a saber que várias decenas de habitantes de Ferrolterra suicidaron-se por non poder resolver os seus graves problemas económicos?, “Suicidios siempre los ha habido, por una u otra razón”. Recobro forzas, ¿que pensarán no estranxeiro se coñecen que membros da realeza (asunto Nos), derivaron subvencions para unha ONG en proveito próprio?, “Ese tema no está totalmente demostrado”; “qué pensarán no estranxeiro dos cartos que desviaron pelos ERE, os responsaveis dos cursos para os obreiros que nunca viron a luz?, “Eso , eso, los sindicatos son culpables de gran parte del paro obrero, y de la malformación de los operarios”.

E qué pensarán dos chefes das Caixas de Aforros, convertidas en Bankia, A Nova, etc, que gastaron os aforros dos clientes, burlándose dos arruinados pelas preferentes?, “Te diré que la ambición movió a los preferentistas, esta vez la ganancia no fue para ellos”; nen esta vez, nen a outra, nen quase nunca, digo eu. Qué pensarán no estranxeiro da grande fortuna conseguida pelos Pujol e a evasión a paraísos fiscais?. Non lembro o que respostou porque eu xa estava en estado de afasia mental, ante tanta brutalidade e cegueira.

Primeiro, foi penoso que tratase así aos ferrolans, se hai “monoproducción” na cidade hai que pensar que non a inventaron os obreiros. Se hai famílias castigadas pela fame debido á falla de traballo, non é para ignora-las e deixar que morran pela inópia. Se en moitos fogares non entra un salário ao mes, qué pode importar-lles a esas persoas que as fotografías dos raídos monos de traballo espanten aos bempensantes do mundo enteiro?. ¡Qué mai vai preocupar-se de que os buzos desfeitos se vexan en París, Nueva York ou Pekin!, o que desexará será que atrapen a todos os que levaron os 40.000 millones de euros de este país, e lles obriguen a devolve-los para poder comprar o esencial, o mínimo.

Segundo: qué imaxe de España levarán na cabeza estes señores, aos que non lles importan, o máis mínimo, os españois?. Vai sendo hora de cambiar do antigo réxime, á actualidade do século XXI. Deixémo-nos de sandices teóricas, de unidades de destino no universal, de pátrias míticas e crueles, e reconstruiamos ao país real que non é outra cousa que os seus habitantes coas suas grandezas e misérias, mais guiados por un código humanista.

Os buzos ao sol, auga e vento, son unha terrivel e apropiada pancarta, que fai pensar aos que teñen moral e liberdade de criterio.
Cal, Rosa
Cal, Rosa


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES