Vencer medos
Santalla, Iago - miércoles, 12 de noviembre de 2014
Ao empezar este artigo, sen querer, vóame a cabeza a aquela canción importada de Joan Baez Venceremos nós, unha letra que teño moi presente no meu día a día e que me axuda dalgún xeito a tirar para adiante. Cando penso e canto mentalmente esta letra, como cando penso e canto mentalmente Grândola non me costa proxectarme no futuro e visualizar todo aquilo polo que loito día a día e lanzarme cara ao traballo cotiá coa ledicia de quen fai o que ama.
O caso é que hai pouco empecei a vencer (e non digo que o vencera) un medo antergo que nunca dei superado: o medo a nadar. Aínda que a min sempre me gustou a auga e bañarme, nunca o fixen sen axudan duns manguitos; a verdade é que o meu máis que nadar era aboiar e poñer o corpo a remollo que é unha actividade moi relaxante pero pouco deportiva.
Hai un mes apunteime a un curso consciente de que tería que facer o que me mandaran e concienciado dunha vontade fonda de aprender a nadar.
A miña sorpresa foi que nada máis chegar fun expropiado do meu ben máis querido en terreo acuático: os manguitos. Como eu tiña claro a miña vontade de confiar e de facer aquilo que me mandaban, obedecín ao dedillo todo aquilo que me foron ordenando e, pouco a pouco, con vaivéns vou avanzando no meu reto de ser autónomo ou algo máis autónomo na auga. Vencer o medo non é unha tarefa doada nin dun día nin de dous, moitas veces supón sentirse novamente engaiolado nas teas de Penélope pero a vontade firme é un temón forte que nos leva a rachar límites. Agardo que desta volta me axude a avanzar entre as augas.
Unha vez máis xurde un convite da vida a aproveitar todo o que nos ofrece sen renderse ante as inseguridades. Mellor que ninguén sei que isto non é unha tarefa doada mais cando se cruza o medo e este é un medo antergo fica unha gran sensación de empoderamento ante as cousas máis sinxelas da vida, aquelas que nos deixan ese alento infindo de liberdade. Pola miña parte queda a firme vontade de desbrozar as sombras do medo para atopar as experiencias máis puras da vida e isto comprométeme a non calar e a intentar todo aquilo que considere necesario para medrar e lograr unha existencia plena en experiencias e chea de emocións.
O outro día, alguén me fixo pensar nas verbas que elixiría como epitafio e velaí que coido que me gustaría poder poñer con xustiza soubo vivir, se cadra esta é a gran misión persoal con ecos de colectividade.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora