Recordando os zoqueiros
No medio do século pasado, sendo eu unha nena, no inverno, viñan os zoqueiros. Avisaban uns días antes, para que foran cortando a madeira, case sempre de budio. Os da casa preparaban as toradas. Eles viñan casa por casa. Facían dous ou tres pares a cada persoa da casa. Logo, no faiado, había zocas para todo o ano.
Ás mulleres facíanlles algunhas baixas. Chamábanse chinelas. Estas eran para ir á misa. Ata se levaban á vila. Fregábanse con area para que estiveran brancas. Os zoqueiros comían na casa onde traballaban. Tamén lles daban para durmir. Cobraban por pares feitos. Ata se facían zocas para os nenos pequenos. Cando as estreabas, se torcías un pé, sangrábanche os nocellos, había que andar con coidado.
Tamén, no inverno, as mamás facían calcetíns de la de ovella. Fiaban, calcetaban. Logo, iamos á escola cos pés quentiños.
Así que, grazas aos zoqueiros, a xente non tiña frío no inverno. Hoxe, é unha pena que non haxa quen aprenda a facer zocas.
Un recordo para os zoqueiros, que xa quedan poucos.
Rodríguez Cabanas, M. Francisca