
Para todos nós, D. José Castiñeira, benquerido amigo, vostede era D. José. Non por distancia; por agarimo, respecto e admiración.
Hai corenta anos, os rapaces buscábamos o seu confesionario aquí, na Catedral, na seguridade de que atoparíamos quen escoitase, comprendese, acollese. E parece que foi onte.
Os nosos fillos, centos e centos de rapaces lucenses, estudaron música e moito máis nas Josefinas con Castiñeira. Hai xa trinta anos, e parece que foi onte.
Cada vez que entramos na sede do Orfeón Lucense, recíbenos unha foto do noso pai. Fundounos hai 32 anos. E parece que foi onte.
E parece que foi onte cando se nos foi fisicamente o que para nós era fundador, director, exemplo, motor
E xa hai un cuarto de século daquela orfandade súbita. Pero como ocorre cos bos pater familiae, a orfandade na que quedamos resultou mitigada por moi importantes previsións do noso fundador.
Deixounos principios que marcaban rumbo
un xeito de pensar e de ser
vocación e querencias que seguen inspirándonos.
Deixounos por casa esta casa -del e de todos-, esta casa de pedras da fe onde o noso canto se alza ao ceo do xeito máis doado. Deixounos por sucesor seu como director a Nemesio Gutiérrez, o seu alumno benquerido, que garantía a continuidade.
Deixounos unha riquísima herdanza. E agora sabemos que a herdanza somos nós mesmos, como colectivo, como creación súa, como castiñeiras membros dunha gran familia que tantos anos despois e parece que foi onte- sabemos cantar, seguimos cantando, porque vostede nos marcou o camiño.
Hai un cuarto de século da súa desaparición. E parece que foi onte, porque nunca se foi de todo. E entre as probas que poderíamos presentar para certificar esa presencia permanente, aí está este Orfeón que desde o Coro se fai oir
sexa o seu director Nemesio Gutiérrez, Armando Cotarelo, Xesús Mato ou Marcos Fernández Mosquera. Cando soa o Orfeón, é a voz de Castiñeira a que canta, son os xeitos de Castiñeira os que se nos notan, é o espíritu de Don José o que nos ánima. Por iso, Don José, sabendo que para vostede somos os seus fillos, a súa creación, síganos botando unha man, que sempre fai falla, e vostede está no sitio axeitado para mirar por nós.
E xa que parece que foi onte, Don José, no nome do seu Orfeón, e de todos os seus amigos, mándolle un sorriso, unha aperta, unha bagoa
milleiros de cancións, e este aplauso!.
(Leído na Catedral de Lugo, na Misa de 25º aniversario de D. José Castiñeira, mestre de música da Catedral e fundador do Orfeón Lucense)
-Xulio Xiz é Presidente do Orfeon Lucense-.