Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Enquisa na rúa

jueves, 06 de noviembre de 2014
Paseaba eu pola rúa Real da cidade de Ferrol a primeira hora da tarde cando aínda non había moita xente transitando por esa arteria principal chea de establecementos comerciais e de locais pechados de tendas onde un día hóuboas, cando un equipo da TVGA que estaba a facer unha Enquisa na rúaenquisa na rúa plantoume o micro diante e lanzoume a seguinte pregunta: por que pensa que Ferrol é unha das cidades de Galicia onde fálase menos o galego? Así de súpeto, sen previo aviso un improvisa sobre a marcha indo na procura de que a resposta sexa curta. “Home, díxenlle, non sei a porcentaxe do galego que se fala noutras cidades, pero pódolle asegurar que aquí, en Ferrol, non se fala moito que digamos”. O meu interlocutor insistiu sobre as causas, pero isto daría para un programa enteiro, así que me limitei a bote pronto a buscalas na propia idiosincrasia da cidade, outrora importante base naval que nutría o censo de familias “refractarias ao seu uso”, en bastante xente que proviña de fora e nun tecido de comerciantes que tampouco estaban pola labor. Si falábao en pequena porcentaxe o persoal da industria naval que na súa meirande parte procedían da periferia. Por iso o idioma galego sempre estivo en desvantaxe en Ferrol, cousa que non mellorou co paso do tempo. Cando o enquisador deixoume para seguir co seu traballo, eu seguín a darlle voltas ao asunto.

Hoxe penso que Ferrol non é distinta a outras cidades nas que o galego deixou de ser a lingua habitual na maioría da poboación (habería que remontarse moi atrás). As causas fundamentais poden estar na pouca axuda que se lle dou e se lle está a dar dende o propio ámbito da administración onde os membros do goberno e unha maioría dos parlamentarios o falan por imperativo, non por convición, o falan con artificio e así é moi difícil que funcione a formula de predicar co exemplo. O idioma é unha ferramenta fundamental para que a xente se comunique, pero ademais é a súa principal sinal de identidade e xa que logo debería ter un lugar primordial, por exemplo, na política educativa, non para impoñelo e si para que a xente nova rache co tabú de que o galego non é unha lingua culta, que para iso xa está o castelán. Se non tomamos conciencia, o galego rematará sendo unha testemuña residual.
Din os detractores que si o galego entrara na escola en igualdade de condicións co castelán, este podería correr certos riscos, que podería perigar. Non teñen razón; non se decataron nunca de que o idioma que está en vía de extinción é o galego ao que lle foi negado o pan e a sal, non repararon en que é o máis grande patrimonio cultural que temos, que hai que potencialo e que non é unha lingua morta condenada a ser pasado. Por desgraza aínda hai xente que pensa que é vergoñento falar en galego, que degrada a quen o fala, que non é culto e que resultaría moito máis practico aprender outras linguas. Ese era o parecer dun exalcalde da capital da provincia, castelán falante, cuxo acento galego o delataba e delata cada vez que abre a boca. Polo menos quédalle o acento, quizais moi ao seu pesar.

Namentres seguimos paseando tirando do carriño de bebé no que durmía placidamente Daniel, o noso neto, non deixei de pensar no que podería ser e non é nisto do emprego do galego no noso devir cotiá, onde os funcionarios de a pe teñen que facer dous examines (iniciación e perfeccionamento) para opositar, cousa que non vincula ao presidente, aos seus membros do goberno e deputados do parlamento. Logo de darlle moitas voltas cheguei á conclusión de que a salvación do galego depende so de nós, da xente do común, dunha toma de conciencia. Se esperamos a que aposten decididamente por elo estes que gobernan, estamos apañados.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES