Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Hospital asilo de Vilalba (6)

jueves, 06 de noviembre de 2014
Ano 1911
Cimentación


As 15.000 Pts. Segundo informa «El Eco de Villalba» de 1 de xaneiro, a Deputación xa entregou 5.000 das 15.000 Pts. que tiña ofrecido para a construción do hospital asilo nesta vila. Para o ano que entra ten consignadas outras 7.000.
A cantidade vai ser un estímulo para que a Comisión Executiva do citado hospital emprenda axiña a realización desa benéfica obra.
Sería un gran ben para os obreiros que, por carencia de traballo, permanecen inactivos con grave detrimento do benestar dos seus fogares. Sería tamén un acicate para aquelas persoas que pensan facer donativos a ese útil establecemento, pois consta que mentres non se inicien as obras, moitas non os fan efectivos.

O Hospital asilo de Vilalba (6)Parabéns. «El Eco de Villalba» de 1 de xaneiro. A esposa do noso compañeiro, o administrador desta revista, don José Novo Pardo, deu a luz con toda felicidade un robusto neno que recibiu as augas rexeneradoras do Bautismo cos nomes de Manuel María Domingo.

«Curiosidades de Vilalba».
-Banda de Música
. En 1850 organizouse en Vilalba una banda de música. Para dirixila viña de Lugo don José García, a quen daban os aprendices seis reais diarios.

-A Porta de Cima. Chamouse tamén esta rúa «Puerta de Arriba» segundo algunhas mencións de documentos. Nun do año 1634 dise: “Juan de la Puerta de Arriba”. Dona Isabel López Copeiro, que morreu o 15 de maio de 1700, estableceu un aniversario, e para iso hipotecou a casa onde vivía coa súa choza que estaba pegada á Puerta de Arriba da vila.
Iso de chamar á rúa Puerta de Cima e antes Puerta de Arriba di relación á muralla de que antigamente estaba rodeada esta vila. E confirma isto o ler nun dos libros do arquivo parroquial que se fundou no ano 1870 un aniversario de dúas misas... sobre la casa que tenía en la Puerta de Debajo de la villa de Villalba a las esquinas de las dos calles Real y del Sol.

-Ponte da Magdalena. En maio de 1784 acordouse a reparación da ponte da Magdalena... que se hallaba muy arruinado y sus defensas de los lados caídas y desmoronadas de modo que a no repararse se arruinaría del todo....
Presupostouse en 12.000 reais e consta que ...antes fuera reparado siendo merino don Jacob de Parga -año 1752- y que pagara este reparo don José Moscoso, mayordomo del conde de Lemos, el cual dio 1.300 reales.
Últimamente, no ano 1905, ó construírse a estrada de Vilalba a Betanzos, fixéronse tamén algunhas reparacións en dita ponte e déuselle ademais un ensanche de medio metro aproximadamente.

-Capela de San Xoán. Aparece comprobada a existencia desta capela, dedicada a san Xoán Bautista, non só pola tradición que se conserva entre os veciños de Vilalba e pola praza que leva o seu nome, chamada coloquialmente «Campo de San Xoán», senón tamén porque consta en documentos que se conservan nos arquivos parroquial y municipal.
Esta capela estaba arruinada en 1777, segundo se desprende dunha proposición que fixo don Blas de Silva y Pardo, avogado, no remate dos efectos de sisa e alcabalas desta vila, de constituírse a... buscar y pagar persona que cuide y observe el relox de esta villa a menos que rompa alguna rueda y no sea por efecto del que lo componga u cosa semejante, pues en tal caso los reparos son de cuenta del sisero, y no siendo pordefecto de la persona que lo gobierna han de ser de cuenta de la villa; y además de esto me constituyo a que dándome la losa y cangos que necesite, por haberla en la capilla de San Juan, a hacer por esta razón a mi costa un timblado o chapitel a la campana de dicho relox para que no se pudran las maderas en que se afianza y lo propio teniendo cuerda a que cumpla Andrés Teijeiro con lo que ha quedado o hacerlo de mi cuenta.

-Capela de Guadalupe. Foi fundada e erixida por don Antonio de Rozas e a súa esposa dona Dominga de Castro y Lago, veciños de Vilalba co aniversario de oito misas cada ano, dúas cantadas e as demais rezadas, segundo escritura que pasou perante don Domingo Fernández, escribán e veciño desta vila no ano de 1668. Escribiuse unha novena que permaneceu manuscrita ata o ano 1877, en que, corrixida polo presbítero don Aquilino López Iglesias, imprimiuse en Santiago de Compostela a expensas dunha devota desta vila. En 1908 foi reedificada esta capela por subscrición popular que iniciou o actual párroco de Sancovade don Ramón Jiménez.

Daniel Pernas Nieto. Dende 1910 véñense publicando en «El Eco de Vilalba» colaboracións literarias do párroco de Baroncelle, Daniel Pernas Nieto. Nacera este crego en Quende, Abadín, o 25 de setembro de 1884. Parte das súas composicións serían recompiladas nun libriño titulado Fala das musas que se publicou en decembro de 1936, na imprenta Fojo de Ortigueira. Outros poemas permanecen esquecidos. A súa temática enmárcase na «Escola poética mindoniense ou do seminario». Os versos reflicten a formación clásica, latinista, do autor á par que un perfecto dominio da linguaxe coloquial. Son temas recorrentes a aproximación á vida do campo desde a lírica da paisaxe, do «Beatus ille», pero sen esquecer a denuncia das inxustizas sociais. Todo en liña co que xa iniciara Noriega Varela e anuncian
do o que estará presente en Iglesia Alvariño ou Crecente Vega. A súa figura e obra ben merecerían un estudo polo miúdo e ser colocadas no lugar e tempo que lles corresponde dentro da literatura galega.

Acaparadores. «El Eco de Villalba» de febreiro dirixe ó alcalde unha proposición debidamente articulada na que se manifesta unha preocupación latente en toda a vila que se agravaría en anos sucesivos. É o asunto dos acaparadores de alimentos. Os tratantes agardaban polos labradores que acudían ás feiras á entrada da vila, sen esperar a que entrasen no recinto feiral, e nos camiños facían tratos.
Así resultaba que os comerciantes locais non accedían ós produtos que viñan do rural e os feirantes tampouco pagaban as correspondentes taxas.

Festa na «Tropical». Desde a Habana o correspondente Segundo López Carpintero informa doutra xira da «Unión Villalbesa» Celebrouse o 8 de xaneiro nos xardíns da «Tropical» e foi amplamente recollida pola prensa da capital cubana. O programa foi como segue: Ás dez da mañá, co disparo de dúas ducias de bombas de palenque, saíu o tren excursionista da estación de Concha. O traxecto foi amenizado polo gaiteiro Pedro da Ferrería e polo tamborileiro Ce
leiro de Santaballa. Ás once a orquestra amenizou con algunhas pezas. Ás doce o xantar conforme o menú tradicional. E logo música caribeña da orquestra de Enrique Peña quen, en deferencia ós asistentes, incluíu como remate unha xota, «La Villalbesa», e un dazón, «La Alborada». Nos intermedios, gaiteiro e tamborileiro tocaron aires da terra.

Tremenda nevada. As persoas máis vellas non recordan unha nevada tan grande no mes de abril como a que caeu sobre a vila o 6 do actual. No campo alcanzou a altura de medio metro; na rúa, amoreada polo vento, houbo sitios nos que pasou do metro.

Casa-xulgado e cárcere. O 31 de marzo último foi aprobado o proxecto de construción dunha casa do xudicial de Vilalba, presentado por don Leoncio Bescansa, o mesmo arquitecto que xa deseñara o edificio do hospital asilo.
Dos fondos carcerarios destínanse 8.000 Pts. cada ano para os gastos que ocasione a realización das obras que están presupostadas en 67.584’95 Pts.
Non precisa encomios a indubidable importancia que esta mellora reviste para a localidade.
O Hospital asilo de Vilalba (6)
Curiosidades de Vilalba.
-Estrada de Rábade a Ferrol
. Por Real Orde de 19 de xuño de 1803 aprobouse o arbitrio do 0’5% de cantos froitos e efectos entrasen e saísen nos portos de Ferrol, Viveiro e Ribadeo, con aplicación exclusiva á estrada que debía enlazar coa de Castela desde Ferrol. A apertura tivo lugar o 24 de xullo de 1805 e a dirección era daquela de Ferrol a Baamonde. A guerra de Independencia causou paralización e completo abandono das obras. Por Real Decreto de 31 de decembro de 1822 declarouse xeral dita estrada, dispoñendo a súa construción ata a ponte de Rábade, por conta de dito arbitrio, suspendido en 1830, facéndose os reparos máis indispensables por conta do mesmo na primeira legua ata Xubia. En 24 de decembro de 1834 expediuse R.O. mandando continuar as obras da estrada de Rábade a Ferrol; sen embargo, por mor da II Guerra Carlista, as obras non foron contratadas ata 1846 e o 9 de xaneiro de 1847
aprobouse a contrata a favor de Jorge Flaquer. Este contratista rescindiu o compromiso a causa das modificacións que sufrira o proxecto primitivo. O 1 de decembro de 1851, empezouse a construír o segundo tramo ata a ponte Liñares. En 1853 sacáronse á poxa os tramos comprendidos entre Liñares e Roupar. Por R.O. de 9 de setembro de 1857 foron sacados a pública licitación os tramos que faltaban desde Roupar a Rábade e rematados o 15 de outubro, deuse inmediatamente principio ás obras pois nas condicións fixárase o prazo de tres anos para concluílas.

-Estrada de Vilalba a Mondoñedo. O 7 de xullo de 1853 deuse principio á estrada desta vila a Mondoñedo. Traballaban diariamente quince presos do cárcere e uns trece xornaleiros pobres que pagaba o Concello. Os xornais ían desde os catro ata os vinte cuartos cada día. Houbo, ademais, prestacións persoais dos veciños.

O crime de Fontefría. «El Eco de Villalba» de finais de maio informa que nas primeiras horas da mañá do día 22 na estrada que de Rábade vén a Vilalba, km 536, nun lugar totalmente despoboado e coñecido co nome de Fontefría, nun extremo da gándara do Barrazoso, foi atopado o cadáver de Ángel Castro Cabarcos, de 28 anos de idade, casado con Ma Josefa Dorado e veciño da parroquia de San Salvador de Ladra...
O día 22 verificouse a autopsia e enterro da vítima. O cadáver presentaba evidentes sinais dun horripilante asasinato, tiña o rostro esfolado, os ollos arrincados e cortadas as orellas. Recibiu catro tiros de revólver polas costas e outro no pulmón esquerdo; tiña ademais unha ferida contusa na rexión occipital. Moi preto da vítima había un gran charco de sangre...
Remátase a crónica consignando a fonda indignación, o intenso terror que este crime salvaxe produciu en toda esta comarca, e lamentando que a honradez e sentimentos nobres das nosas xentes estean conmovidos por unha man criminal.
A noticia sería un gran convulsivo para a xente da comarca e da provincia. Deu moito que falar e creou fortes tensións entre veciños. Aínda hoxe se fala do asunto con certa precaución. Seguiremos o suceso en páxinas sucesivas segundo ofreceron noticias os xornais da época.

Carga de dinamita. En Abadín uns descoñecidos puxeron unha carga de dinamita no balcón do secretario do concello. Afortunadamente non causou desgrazas persoais.

A «Liga Santaballesa» renovou directiva. Continúa como presidente José Paz López. É vicepresidente Emilio Eimil García, que nestes momentos continúa presidindo a «Unión Villalbesa y su Comarca».

Abril de 1911. Sobre o hospital. «El Eco de Villalba» informa que en días pasados un técnico de Obras Públicas estivo na vila para informase do plano e do lugar onde se emprazará o hospital proxectado. Tamén se opina nestas páxinas que o lugar de Racamonde non parece o máis adecuado desde o punto de vista da hixiene, pois debera preferirse outro máis alto e aireado, lonxe da aglomeración urbana e situado en dirección oposta ós ventos reinantes, coas fachadas principais dirixidas ó Leste e ó Oeste.
Días máis tarde dáse a coñecer que as obras do hospital deron comezo, que tamén resultan altamente beneficiosas por dar traballo á xente da comarca nestes anos de escaseza e de miseria. Xa se amañaron algunhas das deficiencias que se apuntaron nas páxinas do número anterior do xornal.

Episodio da Guerra de Independencia. Amor Meilán asina a crónica en «El Eco de Villalba» na que se recorda un suceso que tivo lugar durante a denominada guerra da Independencia e que se refire ó párroco de Mourence, José Domingo Ferreiros y Paz. Os acontecementos que se relatan aínda quedan na tradición popular e ademais cóntase con probas documentais do sucedido.
Segundo as crónicas, a primeiros de abril de 1809 uns soldados da cabalería francesa acamparon no lugar de «Fonte Gundriz», Mourence. Ó día seguinte emprenderon a marcha, pero ó chegaren ó «Campo dos Oleiros», hoxe coñecido como «Monte da Braña» ou «do Francés», entre Mourence e Santaballa, un dragón -soldado de cabalería- retrocedeu para recoller unha bandexa de prata. Neste punto atopouse con dous paisanos que lle deron morte e que o enterraron nunha chousa do abade de Mourence. O cabalo fuxiu e foi parar ó alpendre da reitoral inmediata a Gundriz. Cansos os compañeiros de agardar polo soldado, volveron buscalo. Indagaron e rexistraron casas e foron dar primeiro co cabalo e logo coa tumba.
E así detiveron o párroco, José Domingo Ferreiros y Paz, e dous paisanos, un deles Manuel Novo. Trasladados a Mondoñedo por onde andaba o mando do exército francés, foron fusilados en xuízo rápido e sumarísimo. A partida de defunción que asinou o día 14 o párroco de Santiago de Mondoñedo non deixa dúbida. Di que no lugar de Pimpín, próximo á cidade de Mondoñedo, foi fusilado o párroco de Mourence o mesmo día no que foi condenado por orde do comandante da segunda división francesa, xeneral Mauricio Mathieu. O alcalde maior da cidade asistiu á execución. Déuselle sepultura no campo por numerosos sacerdotes e cóengos. Tamén se tocaron todas as campás.
Engade o autor que é probable que o párroco estivese organizando unha partida de guerrilleiros. E, sobre todo, que merecía ser recordado.

«Matinee bailable». Organizouna o día 30 de marzo «A Unión Villalbesa y su Comarca» no teatro «Nogueira», de Marianao, A Habana. Houbo baile a cargo da orquestra de Enrique Peña coa interpretación de valses, danzóns, two-step, habaneiras, rigodóns... Entre a primeira e a segunda parte do baile serviuse un lunch que todos saborearon. O laguer -cervexa- servíase coma a auga e os licores abundaron. Deu remate a festa ás seis da tarde. Os señores Emilio Eimil, Eloy Villalibre e Segundo López mostráronse moi activos para que todo saíse con perfección.
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES