Quero seguir gobernando desde o cárcere
Otero Canto, Xosé - jueves, 06 de noviembre de 2014
Vaia misiva para aglaiarse e tamén ben choqueira, porque dá ou provoca risa, mais tamén é a máscara ridícula e extravagante usada polos cigarróns no entroido chocalleiro de Ourense, pero agora resulta que estamos diante dunha figura leonesa, doutro entroido que non quere deixar o goberno cal se tratase do mesmísimo Monipodio na España da picaresca: Rinconete e Cortadillo, o Buscón, o Lazarillo ou a pícara Justinaserían uns principiantes ou neófitos comparados con esta pezoña de araña que dende o mesmísimo cárcere brada e trata de seguir estendendo a súa tea e de seguir nifrando os mocos da corruptela para os seus adentros e levantarse coma o cadáver do Comendador no Don Juan Tenorio, representado sempre nestas datas de defuntos e chamar ao pobo deambulante e adormecido con esta bufonada que dá idea da caste, raza ou ralea que non dá pancada a non ser para recalar outra vez no mesmo sitio onde se pode estender a tea ata roubar a todos os insectos que para eles somos nós durante o devagar do tempo interglaciar das eleccións.
Por iso, xa saben vostedes, esta é a súa máxima na que os espellos cóncavos da Calella do Gato madrileña onde o noso grande e ínclito Valle-Inclán se inspirara para a súa grande obra Luces de Bohemia na que a deformación da nosa realidade e os esperpentos serían somente un prólogo doutra deformación que chega á alma de todos os españois de ben.
Escoitade, escoitade grallar os corvos; este é un, pero virán máis e máis negrumantes que dentro da súa tempestade non queiran deixar o seu enxoval e braden pola plasma de todos os continentes esta solemne e atinada frase Quero seguir gobernando dende o cárcere.
Váianse canto antes.
O seu afectísimo.
Xosé Otero Canto.

Otero Canto, Xosé
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora