Les Felices
Santalla, Iago - miércoles, 05 de noviembre de 2014
Este ano enroleime coa asociación Grumico de Coruña nun grupo de teatro dirixido pola actriz Victoria Teijeiro dentro do proxecto La Quinta del Arte (arte para a inclusión social). O primeiro que teño que agradecer é a oportunidade de vivir unha experiencia teatral con tan boa xente, o que moitas veces chegou a ser unha especie de oasis no que desconectábamos das nosas rutinas.
Coido que podemos contar as clases por gargalladas e coido, tamén, que é moito o que levamos aprendido os uns dos outros.
Pouco a pouco, da man de Vicky, fómonos convertendo nun equipo, unidos en torno ás emocións xurdidas da propia interpretación.
As nosas clases semanais en Grumico son un tempo para o humor pero, tamén, para que cada quen explore dentro de si o seu potencial máis descoñecido. Chegar a Grumico un luns pola tarde é saberse dono dun tempo cunha única protagonista: a ledicia. A partir dela desenvólvese un traballo serio onde cada quen ten unha responsabilidade que cumprir fronte os seus compañeiros; agora ben, ninguén é perfecto e todos medramos na aprendizaxe da interpretación.
O día 24 tivemos a oportunidade de presentar a obra de Vicky ¡Qué no se mueva nadie! no Teatro do Andamio. Foi un día intenso, de emocións do que saímos satisfeitos do traballo. Agora, toca seguir valorando esta iniciativa a través da que tamén se constrúe un mundo inclusivo que ten que facer visibles todos os ilímites para establecer unha interdependencia real. A través do teatro, Vicky conseguiu facer un equipo que transcende o seu propio fin para sacar aprendizaxes de solidariedade, interdependencia, vontade, ilusión, humor e, sobre todo, o cariño como nexo dun proxecto que leva o selo inconfundible de cada un dos seus participantes.
Foron meses nos que fixemos medrar un proxecto colectivo. Isto ábrenos un camiño que somos libres de recorrer pero, dalgún xeito, amósanos o que potencialmente podemos conseguir. Teño que dar as grazas a todo o equipo de Les Felices por este tempo compartido de aprendizaxe e, sobre todo, de cariño sincero. Con estas grazas tamén vai a miña certeza de que podemos seguir construíndo ledicia para espallala alí onde xurda a oportunidade de facelo.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora