Dignificar e recrear a vida
Mato, Xesús - lunes, 06 de febrero de 2006
A pasada semana celebráronse en Lugo as xornadas abertas de Teoloxía. Idea central: Mensaxe cristiá e cultura da vida. Temas: Retos para a Igrexa do século XXI,a contribución da Igrexa nas súas institucións e a vida e dignidade da persoa humana. Con mais/menos profundidade aportaron luz aos problemas da sociedade e da Igrexa. Por outra banda a Palabra de Deus deste domingo fala do problema do mal, da liberdade e mesmo da resposta que deu Xesús e debe dar tamén hoxe a súa Igrexa
Coa ollada nestas bases e tendo presente a actual sociedade do pluralismo, tanto cultural coma relixiosa, os cristiáns/ás temos de tomar posicións claras, abertas e ben definidas. Empezando por sermos conscientes da realidade (respectándoa pero sen lle ter medo) e das limitacións que compartimos cos irmáns/ás. A pesar dos adiantos a dignidade e a calidade de vida están máis diminuídas. A vida de moitos/as está chea de cousas (case sempre innecesarias) e baleira dos grandes valores e de transcendencia. Só se nos invita a consumir e a vivir enredados en ilusións pasaxeiras, a ser menos persoas, a ter menos capacidade de elección. Todo está programado: o que temos que comer, vestir, o xeito de se divertir, de gastar e...ate de pensar e amar. (Este modelo de benestar é ruín e moi pobre. Hai ofertas de todo menos do que é a vida integral que leva á plenitude.
A vida é o meirande don que posuímos. A obra mais grande e marabillosa da creación. ¡Esa marabilla é nosa, enteiramente nosa!. Déunola Deus, gratis. Sen condicións e/ou hipotecas. É única e intransferíbel e coa capacidade real de ser vivida (e compartida) en liberdade e responsabilidade. Por iso é humana. (A do resto dos seres vivos está máis limitada). Vivir de seu é fenomenal, pero de un gran compromiso e responsabilidade. Na cultura actual, moitos/as prefiren que a vivan por eles e déixanse manipular desde a maioría das situacións. Incluso se renuncia a ser persoa e a se converter en bonecos nas mans de xente sen escrúpulos que tentan utilizarnos como obxectos de consumo.
A nosa resposta debe ser de agradecemento activo. Ou sexa, ademais de dar grazas a Deus tratar de vivila e de recuperala en toda a súa profunda dimensión integral (non só físico/material), enchéndoa de valores, recreándoa en todas as súas posibilidades, póndoa ao servizo dos máis pobres e marxinados, compartíndoa (ao xeito de Xesús) botando fóra desta sociedade enmeigada toda crase de demos (o poder, a avaricia, o consumismo, o fatalismo, os medos, a opresión, a apatía,.....) e mesmo sandando aos enfermos de toda doenza, incluídas a soidade, a tristura, o desánimo e a desesperanza.
Cómpre esforzármonos por dar senso á propia vida, abríndonos ao misterio e axudando a descubrir a súa gran riqueza a esta nosa sociedade enferma pola ausencia de valores.

Mato, Xesús
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora