Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Todo depende se vemos ou miramos

lunes, 03 de noviembre de 2014
A percepción da realidade é ben distinta se vemos ou miramos. Explicáballe así as diferenzas das accións visuais a un amigo adegueiro ao pé do mostrador dunha cafetería para convencelo da oportunidade de galeguizar as súas marcas de viños.

Levado pola experiencia que teño de encontros con empresarios do sector deixei que fose el o que expuxese as súas razóns. Escoitábao, ao tempo que de esguello ollaba para a botellería nos andeis etiquetadas en cadansúa lingua: francés, inglés, italiano, castelán... de coñac, whisky, vermú, xenebra, ron, vodka...

Foi debullando vellos tópicos sobre a non idoneidade do uso da lingua galega nas etiquetas por mor da necesidade de estar nos mercados internacionais. O galego non serve para vender fóra de Galicia que é onde os adegueiros temos os mellores clientes! -enfatizou despois de botar man doutros argumentos inconsistentes que son o andazo de prexuízos lingüísticos e a pouca autoestima que tollen o mundo dos negocios. Quitáballe importancia ao feito de que outras adegas etiquetasen en lingua galega e vendesen tamén nos mesmos mercados foráneos nos que están os seus viños. Tampouco reparara no feito de que o cento por cento das marcas teñan nomes autóctonos irrecoñecibles para os consumidores doutas linguas.

Sorprendeulle que lle pedise ao camareiro que baixase dos andeis para o mostrador boa parte das botellas. Mira as súas etiquetas, díxenlle ao adegueiro, están escritas en distintos idiomas que os máis dos consumidores descoñecen; sen embargo, iso non é óbice para que esas destilerías exporten. Aínda máis: os consumidores valoran a autenticidade deses licores polas linguas das súas etiquetas porque certifican a denominación de orixe. Daquela, por que algúns adegueiros receosos, que cada vez sodes menos, non tomades o seu exemplo?. O meu amigo aínda non reparará na etiqueta en galego do viño que estabamos a tomar, que se pode mercar en restaurantes e viñotecas dalgúns países alén nós. Ante os meus argumentos o adegueiro quedou sen palabras e non puido dicir outra cousa que: ben mirado así, levas toda a razón. Case me convences, díxome; voulle dar unha volta á proposta que me fas.

Hai ben anos que a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, e logo o Foro E.Peinador que continuou co seu labor, veñen traballando para galeguizador a economía do País e mudar os hábitos lingüísticos dos seus xestores con notable éxito. Tamén o fai a Asociación Álvaro das Casas coa concesión anual dos premios Bacelos de Prata que son un recoñecemento para todas as adegas que identifican as súas marcas co idioma do País. Complementando este labor é salientable o realizado tamén pola Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros coas súas campañas publicitarias dirixidas en dobre dirección: por unha banda, ás empresas de transformación agroalimentarias, para que se incorporen ao proceso galeguizador; e, pola outra, aos consumidores demandándolles cosumo responsable e solidario cos produtos do noso agro e nomeadamente con aqueles que se etiquetan en galego. Cómpre que converxan esas dúas sinerxias.

Os empresarios galegos deben convencerse do acertado desta regra da mercadotecnia que aconsella ser diferentes para ser existentes; noutras palabras: no mundo da globalidade a singularidade é un valor cada vez máis estimado polos consumidores que, como queda dito, aínda que non coñezan a lingua da etiqueta, si saben que están diante dun produto de inequívoca denominación de oríxe. Esta debería ser lección sabida para artellar unha eficaz estratexia comercial; sen embargo, os vellos hábitos culturais perviven de seu pola rutineira inercia. O próximo día 12 entregaranse os Bacelos de Prata en Esposende (Ribadavia) ás adegas que etiquetan no noso idioma para esconxurar os prexuizos lingüísticos e celebrarmos os moitos avances acadados nestes últimos anos.

Xosé González Martínez é Presidente Foro E. Peinador.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES