No aeródromo de Rozas
Xiz, Xulio - lunes, 03 de noviembre de 2014
Hai moitos anos, o concelleiro lucense Luis López-Díaz Pallín tiña dúas teimas: o mercado gandeiro de O Ceao, e o Aeródromo de Rozas.
No do Ceao, non tivo sorte, as súas xestións non froitificaron, e a capital lucense o mesmo que non foi quen de manter Frigsa en pé- non conseguiu para o Ceao un mercado gandeiro ao que os lucenses coidabamos ter dereito como capital dunha provincia especialmente agrícola e gandeira. Si o conseguíu a vila de Castro -Ribeiras de Lea- que, pouco a pouco, foi converténdose no centro comercial gandeiro da Terra Chá e do centro da provincia.
Da teima de Pallín desde o concello ou o Aeroclub- por convertir Rozas nun aeroporto, son proba as vellas fotos dos arquivos nas que aparecen altos cargos do Exército do Aire, que chegaban a Rozas para sorprenderse das excepcionais circunstancias deste aeródromo chairego.
Rozas non puido ser. Adiantáronse Labacolla, Peinador, Alvedro... e fose cal fose o argumento no decurso dos tempos, o de agora é que tres aeroportos son demasiados para un país pequeño como Galicia.
José Blanco, cando foi Ministro, quixo traer para Rozas un macrotaller de reparación de avións, pero o proxecto foise co vento, e del en Rozas nunca máis se soubo. E xa que agora os drons son os reis do aire, plantéase para Rozas instalar un centro de estudio de avións non tripulados para uso civil. Polo de pronto, a Xunta pon sobre a mesa dez millóns de euros, prevéndose a creación de cincuenta empregos para técnicos especializados.
Non sei que opinará Pallín deste tema, pero seguro que non lle parece mal que se o aerodromo nunca chegou a ser aeroporto, evolucione hacia unha base de avións non tripulados que situará ás terras lucenses a un paso do ceo, ou no ceo mesmo, aínda que os pilotos se queden en terra.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora