Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O respecto

viernes, 31 de octubre de 2014
Nesta sociedade tan garante para os delincuentes e preocupada polo trato que se lles da ós animais, chama un pouco a atención que se descoide o respecto mutuo entre as persoas, e incluso parece outearse un certo receo para abordar esta temática coa frecuencia, cando menos, correlativa as esixencias que impoñen, racionalmente, moitas malfadadas relacións entre as persoas.

Por suposto que non se trata dun fenómeno exclusivo de España; pero aquí temos algunhas particularidades históricas que nos levaron a extremar as permisividades, precisamente pola famosa lei de Newton, que di: “Se un corpo actúa sobre outro cunha forza (acción), este reacciona contra aquel con outra forza de igual valor e dirección, pero de sentido contrario”.

Non se me oculta que a extrapolación desta lei a sociedade ten moitos inconvenientes, entre eles a dificultade de cuantificar e controlar as diversas variables sociais; pero permítanme que a formule ao meu modo, para dar unha explicación, senón rigorosa, polo menos comprensible.

Así: “Se un poder totalitario nunha sociedade actúa sobre os cidadáns limitándolles ou suprimíndolles algúns capítulos da liberdade, eles, cando desaparece esa opresión, reaccionan recuperándoos; pero sempre en forma desproporcionada, porque certos coadxuvantes e catalizadores encárganse de imprimirlles un elevado (e convulsivo) incremento nos impulsos reactivos”.

Hai que articular aquí, no noso caso, o excedente da tensión irrespectuosa entre as persoas, malia que non é nada fácil dar unha definición do RESPECTO que concite unha xeral aceptación.

Limítome a dicir que é unha valoración mutua nas relacións entre as persoas, considerando as respectivas posturas nas distintas clases de reunións coa moderación necesaria para evitar ferir a dignidade de ninguén, e procurando non caer en actitudes submisas por medo, nin abusar dos límites habitualmente considerados necesarios para manter un correcto orden no trato entre elas.
E sería desacertado negarlle ao RESPECTO un lugar no espazo das opinións, cando destacados pensadores do pasado e da actualidade lle dedican unha atención preferente. Só a modo de información, fago aquí unha breve referencia, que irá a contracorrente, pero está aí no ámbito da cultura.

O filósofo e ensaísta francés Alain Finkielkraut, na súa recente obra titulada “La identidad desdichada”, publicada en Alianza Editorial, dedica todo un capítulo á “guerra dos respectos”; o filósofo e sociólogo alemán, Axel Honneth, que pertence á terceira xeración da Escola de Frankfurt, e foi un destacado alumno de Jürguen Habermas, desenrola a “teoría do recoñecemento recíproco”, que articula coa prescrición moral, e apoiase en que “o home só é home ENTRE os homes”, expresión que di recoller de Fichte. Imponse, pois, non descoidar este ENTRE, como espazo onde se establecen as relacións recíprocas, que deberían ser de modo respectuoso.

E xa Thomas Hobbes, no “Leviatán”, escribiu que “os humanos non senten ningún pracer (mais ben un gran despracer) permanecendo uns en presenza dos outros se non hai forza capaz de mantelos a todos dentro dun respecto”. E segundo o citado filósofo francés, “ao lelo (a Hobbes), descubrimos que segue sendo el quen nos le e quen nos axuda a comprender que a violencia característica da Francia do século XXI non se deriva tanto da rebelión contra as desigualdades ou da sede da adquisición, como do desexo de ser RESPECTADO”.

Descúlpenme, ademais, unha cita de A. Finkielkraut, tomada nada menos que de “Liberation”, un diario nacido do espírito de Maio do 68. Di así: “Hai que estar separado da realidade para non darse conta de que o lazo social murchouse, que xa non sabemos dicir bos días, aceptar ao outro na súa diferenza e que, á forza de aceptar esa acumulación de PEQUENAS INDIFERENZAS, un encóntrase un día cunha ENORME CANTIDADE DE INCIVILIDADES que leva a unha sociedade cada vez mais individualista, violenta, onde a avidez tende a suplantar a fraternidade”.

Preocupa a falta de respecto das persoas que están en período de formación, por suposto; pero moito mais as “incivilidades acumuladas” dalgúns cargos de responsabilidade, que persisten na vangloria de sacrificar a verdade para non evidenciar os propios despropósitos, converténdoos así no perexil de todas as salsas.

Son moitas as ocasións que temos na sociedade para comportarnos irrespectuosos cos nosos semellantes: o árbitro das competicións deportivas; as discusións políticas en torno a un mostrador dun bar; as relacións dos docentes e discentes nas aulas; os antagonismos ideolóxicos; a competencia, que leva ás pugnas por acadar un beneficio merecido, ou non; a desconfianza, que pon atrancos a un trato aberto; a mesma gloria, que leva a pelexar pola reputación; etc.

Pero hai, na miña modesta opinión, unha confusión cando nos escudamos, arbitrariamente, no termo IGUALDADE para xustificar calquera exabrupto ao RESPECTO DEBIDO. Sen embargo, esta postura está tan arraigada nas mentalidades incapaces de elevarse por encima do estritamente biolóxico, que tal vez sexa necesario explicalo, porque o mesmo sintagma “respecto debido” prodúcelles un descarado rexeitamento.

Reparen, pois, en que o home é un animal capaz de progresar, e diferénciase dos animais de escala inferior en que estes non teñen apenas que aprender nada, mentres que nosoutros temos que aprendelo case todo: Unha ave, por exemplo, fai sempre o niño cunha perfección impecable. O home fai casas, mais non todas iguais: sabe adecualas as circunstancias e deleitase coas súas obras de arte. Ten racionalidade e sentido estético.

Pois ben; as persoas humanas somos iguais no esencial, porque estamos dotados de propiedades que nos pertencen por ser aquilo que somos. Son propiedades constitutivas, que fundamentan unha dignidade acredora a un TRATO ESENCIALMENTE IGUALITARIO; pero non nos bastan. Por iso, no decurso da nosa vida, vamos adquirindo outras por APROPIACIÓN, que nos transmiten os que as posúen, apoiándose no fondo cultural almacenado no seo da sociedade.

Sentado isto, é fácil de entender que, se ben somos todos iguais por razóns do constitutivo da nosa realidade persoal, accidentalmente e polo caudal de apropiacións, non o somos: Eu, incapaz de cantar ben, non son igual a Xulio Iglesias ou a Plácido Domingo, e carente dos coñecementos matemáticos necesarios, non entendo ben a teoría da relatividade, de Einstein. Sen dúbida, nas súas respectivas leiras as opinións duns e doutros merecen un RESPECTO que non merece a miña.

E guste ou non, aquí xustifícase o respecto por unha certa superioridade (accidental) con relación a maioría de nosoutros, e se queremos acadar algún chanzo na Física, que nos permita unha mellor comprensión da “relatividade”, DEBEMOS aceptar ese RESPECTO necesario (“respecto debido”) por razóns pedagóxicas.

Se así non fose (e hoxe en día hai bastantes exemplos negativos) estamos poñendo atrancos no camiño da nosa aprendizaxe, cunha actitude que non corresponde, porque necesitamos das propiedades por apropiación, xa que non temos a condición dos animais da escala inferior. Pero o “respecto debido” esténdese a outros ámbitos da sociedade, tamén sumamente importantes.
Así, pois, cabe formular esta pregunta: É un docente superior a un discente, na súa función profesional?. Distingamos para contestala: Esencialmente, NON; accidentalmente, SI, por esixencias pedagóxicas. No obstante, esta superioridade non xustifica a escusa do RESPECTO DEBIDO ao alumno, precisamente por razón da igualdade esencial.

Pretender alterar este marco de convivencia non se pode entender senón como unha actitude retrógrada, un atavismo incomprensible e un incivismo inducido, que compromete a dignidade da persoa humana e enerva o respecto a súa igualdade esencial, salvo que se aduzan razóns máis concluíntes.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES