Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aterraxe de emerxencia

jueves, 30 de octubre de 2014
Leo as circunstancias que rodearon o accidente da avioneta no entorno das Rías Baixas desta fin de semana e suxíreseme un paralelismo que ten moito que ver coa situación de deriva (¡mayday-mayday-mayday!) que encara esta "federación de 17 repúblicas coordinadas por unha monarquía" á que, hoxe por hoxe, aínda lle chamamos España.

Descríboa así porque hai dous ou tres días que así mesmo ma describiu un vello amigo canario, fondamente documentado en cuestións históricas (non en van é cronista oficial da súa terra de nacencia) e certamente fíxome gracia escoitar tal definición, pola capacidade de representación da realidade que dun xeito tan conciso concentra.

Pero, volvamos sobre os pasos camiñados e centrémonos na situación concreta que me levou a ver reflectido o estado do país na aterraxe de emerxencia que se viu na obriga de facer o piloto da pequena aeronave viguesa ó pé da autovía da costa galega.

Pódeme crer -benquerido lector- que eu, ata o de agora, malia tódolos indicios, é dicir, malia ás turbulencias provocadas polos axentes externos, malia ós pequenos problemas de perda de aceite que de cando en vez aparecían por esta e por outra válvula, malia ós inusuais ruídos que cada certo tempo emitía o carburador e incluso malia ós inesperados trallazos de temón que de cando en vez estralaban na aeronave (esta, na que, mal que nos pese a moitos, viaxamos todos), era dos que consideraba que os motores do avión son moi grandes e seguros e, ademáis, van equipados con dobre instalación e polo tanto, por máis que sufriramos eses embates puntuais, acabariamos por superar as calamidades todas e poriamos o pé na terra co susto no corpo, pero indemnes á fin e ó cabo.

Sen embargo, a estas alturas, logo de outro día de colapso (51 detidos, 250 millóns de euros -é dicir, 41.500 millóns de pesetas-, 2 e 3 por cento de comisión, etc... etc...), que ven a ser algo así coma se a bomba de gasolina se trabase, estou vendo que, por máis que teñamos a pista de aterraxe ó alcance da vista e aquela sutil esperanza que por mero sentimento de pura supervivencia o noso eu interior alimentase, ó final (¡mayday-mayday-mayday!) dun ou doutro xeito acabaremos por esnafrarnos.

Eu non sei se nos pasará coma ós tripulantes da avioneta viguesa ou coma os daquela mítica aeronave arxentina que caeu nos Andes, e os superviventes acabaremos -coma eles- por comernos uns a outros, pero entendo que no aire este país xa non pinta absolutamente nada, polo que empeza a ser hora de que alguén ordene urxentemente unha aterraxe de emerxencia.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES