Dentro da investigación do proxecto Os Vilares, Lareira de Soños, de Pastora Veres e Cibrán Tenreiro, son moitas as persoas merecedoras de ser rescatadas e postas en valor non só na parroquia, pois trascenden

a ese ámbito pola súa obra.
Entre eles, José Lobeiras Gómez "o Armeiro" do lugar de Berulfe e que exerceu de sacamoas, de artista facendo santos para as igrexas e reparándoos, mesmo facendo canalóns de cinz, é sobre todo de fotógrafo.
Nado en 1902 foi coñecido pola súa militancia republicana e amizade con "Chancharicas", outro dos recoñecidos comprometidos coa República.
Ámbolos dous foron, con outros, delatados polo crego do Buriz é salvados dun fusilamento seguro por don Ramón, o crego dos Vilares.
En conversas co seu fillo Fidel, que reside coa súa familia agora en Bernaldo, Labrada este enseñounos multitude de fotos e falounos dun grande arquivo en negativos do traballo do seu pai, que naquela época retratou vodas, bautizos é mesmo funerais e mortos, non só dos Vilares, sinón tamén da comarca, xa que daquela a fotografía tiña moito de ambulante.
Este home polifacético, un artista do seu tempo, do que contará moito máis o libro de Pastora Veres, merece ser coñecido e recoñecido. Polo de agora, Os Vilares, Lareira de soños, púxose xa en contacto co fotógrafo Xurxo Lobato, membro da Real Academia das Artes, que se ofreceu a estudar o seu arquivo e protexelo e tamén a axudar a divulgalo coa colaboración de institucións.
Aqueles fotógrafos como Pacheco, Manuel Ferrol e outros que son xa artistas de culto, facían o mesmo que fixo o Armeiro é os seus arquivos, testemuña dun tempo, dunha historia que hai que preservar.
O Armeiro de Berulfe fixo o seu traballo e agora tócanos a nós cuidalo e divulgalo. Neso andamos.
