Rapaces en paro
Editorial - jueves, 02 de febrero de 2006
Da pavor coñecer o dato de que un de cada catro rapaces galegos nunca tivo un contrato de traballo.
Novas como esta son badaladas nas nosas conciencias para lembrar o maior problema que ten hogano a nosa terra e os nosos rapaces.
Ollando ó noso contorno, o ritmo frenético da vida, as pontes vacacionais, os descansos estivais... parece como se viviramos nun país diferente, sen problemas, onde todo está resolto. O "primun vivere" non parece preocupar -tampouco o "filosofare"- senón que o problema que máis nos preocupa é o de como encher axeitadamente tódolos períodos vacacionais e festeiros, pisando forte tódolos aceleradores ó noso alcance.
Parece que a consellería de traballo tenlle tomado o punto á problemática galega, e ven de anular o Plan Labora -que non parecía tan malo para que os titulados primeirizos collesen experiencia- para sustituilo por diversas accións que tentan contratar titulados en prácticas das titulacións con máis paro -Psicoloxía, Bioloxía, Maxisterio e Veterinaria- e reducir a temporalidade, que ven ser en Galicia do 34 por cento, case triplicando a media da U.E.
De acordo con ese criterio, só se concederán subvencións á creación do emprego ás empresas que teñan con contrato indefinido alomenos o 70% dos seus traballadores.
A falla de experiencia segue a ser un problema, dahí a presunta bondade do Labora. Como é un problema a tendencia de elixir os postos da administración por riba de calquera outros, a escasa salida laboral dalgunhas carreiras, e a formación dos rapaces de cara ós postos laborais que poden atopar no seu contorno.
Ter ós rapaces en paro retrasa a súa madureza, a constitución de novos núcleos familiares, a estabilidade económica das familias. E provoca desaxustes moi importantes, e frustración, e inestabilidade.
Ter ós rapaces en paro é unha traxedia á que ninguén pode ser alleo.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora