Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Amada García

lunes, 27 de octubre de 2014
Todas as guerras traen consigo tremendos efectos colaterais. O cruento golpe de estado producido o 18 de xullo do 1936, converteuse axiña en guerra civil co resultado de centos de miles de mortos entre as baixas Amada Garcíaprovocadas nas frontes de batalla e as que se produciron na retagarda; aquelas consideradas “normais”, dadas as circunstancias, e estas absolutamente evitables pero que tiveron lugar por mor dos odios almacenados entre grupos enfrontados ideoloxicamente pola relixión e a política, pola crueldade visceral que exerceron os vencedores sobre os vencidos e pola firme decisión de eliminar aos derrotados no convencemento de que un adversario morto, así deixa de selo.

Un 27 de xaneiro do ano 1938 foi fusilada no Castelo de San Felipe xunto a sete compañeiros máis Amada García, unha muller mugardesa que se converteu na icona de todos os represaliados daquela masacre fratricida onde a cueldade daba pe ao asasinato disfrazado de “proceso legal”.

Sobre Amada García creceu o mito, quizais porque nela concorrían unhas circunstancias case novelescas. Moi nova, a piques de cumprir 28 anos, póñena fronte ó pelotón de fusilamento, logo de que dese a luz un neno, con algunhas acusacións que vistas dende agora, non tiñan nin pe nin cabeza; por exemplo esa historia que inventaron do bordado dunha bandeira que chegou ata os nosos días ao xeito do acontecido con Mariana Pineda axustizada en Granada no ano 1831 pola tiranía de Fernando VII, un borbón traidor e descerebrado. É verdade que tanto unha coma outra defenderon ata o sacrificio unha causa que consideraban xusta, e curiosamente foron inmoladas á mesma idade con acusacións semellantes, entre elas o bordado dunha bandeira.

Hai xa tempo escribín para a revista “FerrolAnalisis” un pequeno traballo sen outra pretensión que divulgar a figura desta muller que nunca renunciou aos seus principios e que levou o seu compromiso sociopolitico ata as últimas consecuencias. Agora congratúlome de que historiadores que pescudan nas causas e procesos chegaran a mesma conclusión que eu: que Amada García foi fusilada polo seu compromiso social e político e non por acusacións de menor transcendencia, coma o bordado aludido ou o rexeito a manter relación carnal co entón alcalde do pobo, que tamén puidera ser, pero a verdade é que o que desencadeou a súa tráxica morte foi o seu compromiso na defensa da República dende a súa militancia no Partido Comunista.

As testemuñas daquel tempo, as que de verdade poderían exercer esa memoria histórica da que tanto falamos agora, xa desapareceron. Hoxe tan so nos queda adquirir conciencia histórica a traveso das escritas que reflicten aqueles feitos do pasado xunto ao que nos contaron de viva voz os nosos devanceiros, e dos estudos que fan os historiadores baseados nos documentos e non nas opinións persoais. Unha guerra nos se produce por casualidade e todo o que ela reporta tampouco. Hoxe en día aínda quedan moitos cadáveres perdidos polo monte, moitos mortos sen honra e moitas familias sen consolo.

A ver se aprendemos dunha vez por todas que, despois de todo, podemos vivir en paz malia as nosas diferenzas ideolóxicas. Diste xeito as mortes de Amadita García e de tantos e tantos outros, non serían en vano. Oxalá asimiláramos a lección.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES