A casa de Díaz Castro
							Xiz, Xulio - lunes, 27 de octubre de 2014
							  	Habitualmente, o homenaxeado co Día das Letras Galegas , despois do 17 de maio, pasa aos arquivos e á historia, e xa se pensa na próxima celebración, con arreglo á máxima dos nosos devanceiros que proclama que pasou o día e pasou a romaría.
	Pero Xosé María Díaz Castro é diferente. Primeiro, porque ten unha base humana e xeográfica nas terras de Guitiriz, e unha asociación cultural Xermolos- que foi a súa casa  e é a súa memoria. E  tamén porque a súa poesía ten a forza da natureza e a sinxeleza dos nenos, e a súa celebración foi sen ningunha dúbida- a máis popular, entrañable e global das que se celebraron no algo máis de medio século que leva de vida o Día das Letras.
	Acertouse coa persoa e coa obra, pois aínda que leve preto dun cuarto de século morto, a súa lembranza esta viva e a súa obra é máis actual ca nunca.
	Proba desta vixencia é que hai uns días, nun acto organizado pola Deputación Provincial, se celebrou o acto de presentación dun libro de Xavier Rodríguez Barrio sobre Díaz Castro, e se inaugurou un monolito de Ramón Vilar na súa honra. E o acto celebrouse nunha palleira frente á casa natal de Díaz Castro, no lugar de Vilariño, nos Vilares de Guitiriz.
	Queda agora o aspecto máis difícil, pero non imposible. Porque a casa natal de Dìaz Castro, que se pretende convertir en Museo na súa memoria, está na actualidade nun lamentable estado e en perigo, necesitando obras urxentes para que se manteña en pé, e poida ser o lugar onde se homenaxee permanente a un dos máis importantes escritores que deu Galicia.
	A casa é propiedade de Xermolos, a entidade que acolleu a Diaz Castro na súa terra, onde Alfonso Blanco Torrado  o seu biógrafo- mantén viva a súa memoria e logrou para el a maior distinción que Galicia garda para os que a sirven coa escrita.
	Xermolos empezou as xestións para restaurar a casa de Díaz Castro, e neste traballo teñen que implicarse o Concello de Guitiriz, a Deputación Provincial e a Xunta de Galicia, coa seguridade de que hai que construir nela o lugar de culto literario onde se manteña viva a memoria de Díaz Castro, que é o mesmo que dicir a cultura da Terra Chá e das letras de Galicia.
							
							
Xiz, Xulio
							                                
                                                                  
                                                                  
                                                        
				 
				Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los 
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de  la empresa editora