Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Devoción popular no santuario do S. Benito de Carballo. Friol (Lugo) (II)

miércoles, 01 de febrero de 2006
Devocin popular no santuario do S. Benito de Carballo. Friol (Lugo) (II) 2.- Os rituais de participación individual
2.1.- O ritual de vir andando ó santuario

Antano moitos devotos viñan ó santuario andando ou descalzos desde o seu lugar de orixe, como sacrificio previo antes de entrar en contacto co sagrado . Na actualidade, aínda que a maioría fan a viaxe en coches particulares, segue habendo algunha pervivencia deste ritual. Así pódese apreciar como hai devotos que veñen camiñando desde distintos núcleos de poboación da parroquia do S. Xulián do Carballo, doutras parroquias pertencentes ó municipio de Friol, e tamén da propia vila de Friol. "En otras épocas, había un buen número de personas que iba descalza y algunas veces hasta de rodillas a profesar su fe. Así, el sufrimiento físico era una forma de sacrificio ofrecido al santo" (23).

2.2.- Os rituais de contacto
O desexo de todo devoto é entrar en contacto coas imaxes e demais elementos e obxectos ligados ó santuario, xa que o sagrado proxecta a súa cualidade, sacraliza.
Entre os rituais de contacto máis habituais sinalo os seguintes:

2.2.1.- O ritual de poñe-lo santo
Dous homes da freguesía son os encargados normalmente de "poñe-lo santo", ritual que consiste no seguinte: os poñentes con dúas imaxes pequenas do San Benito fan unha cruz por riba das cabezas dos devotos, quenes bican dita imaxe e deixan unha esmola, mentres os poñentes recitan a seguinte xaculatoria:

"Sto. bendito
che saque a enfermedad
e che dé a sanidad"


Outra xaculatoria empregada hai anos era a seguinte:

"S. Benito glorioso
che dé a sanidade
e che quite a enfermedade
por este espíritu que ten este santo, Amén"


Nalgúns santuarios dedicados ó S. Benito de Palermo, como en Valdomar (Begonte) a xaculatoria que se emprega é a seguinte:

"Por tu corazón bendito
santo del rostro moreno
de todo infernal veneno
líbranos, santo bendito" (24).


Este ritual emprégase en moitos santuarios galegos.
"En moitos santuarios milagreiros hai o costume de "tocal-o santo" ou "poñel-o santo". Van a que llo toquen os enfermos pra sandar, e os sans pra que non lles dea a enfermedá. Pra esto hai unha imaxe pequena do santo; o devoto ponse de xeonllos, e o sacristán, as máis das veces, colle á imaxe e dalla a beixar, e logo trázalle coela unha cruz nas costas, decindo "Dios che saque a enfermedá e che dia a sanida"... (25).
Tamén se utiliza noutros pertencentes a outras rexións e nacionalidades.
"En el santuario de S. Martín (Azcoitia, Guipúzcoa) durante la misa se da a besar la reliquia del santo titular" (26).
Finalmente segue empregándose noutras nacións nas que sigue habendo un forte contido relixioso de base cristián.
"En muchos santuarios bretones los romeros besan las reliquias expuestas delante del coro" (27).
"Los romeros portugueses, al terminar la misa, se agolpan para besar las imágenes del santo" (28).

2.2.2.- O ritual do contacto activo coa imaxe estática
Moitos devotos tocan cos seus panos a imaxe do S. Benito e logo pásanos por as partes doentes dos seus corpos cunha finalidade profiláctica e curativa. Tamén adoitan tocar ditas imaxes con rosarios, estampas etc...

2.2.3.- A fonte do S. Adrián
Preto do santuario hai unha fonte que leva o nome do santo que preside o santuario. Nela algúns devotos levan a cabo os seguintes ritos:
1º.- Beben a auga da fonte do S. Benito.
2º.- Lévana en botellas para as súas casas, empregándoa en distintos fins.
3º.- Lavan as partes doentes dos seus corpos cunha finalidade curativa.
El agua fluye, está viva; el agua inspira, cura, profetiza. El poder profético emana de las aguas; es una intuición arcaica que aparece en un área muy vasta (29).
Moitos santuarios encóntranse preto de fontes santas e bastantes teñen a súa orixe precisamente nelas.
O culto primitivo ás fontes foi incorporado ó credo cristián no momento da entrada do cristianismo en Galicia. Isto foi posible construíndo capelas no seu contorno, como medida para tentar erradicar da memoria dos seus habitantes calquera pervivencia pagá. Polo tanto a nova relixión adaptouse na medida do posible ós cultos ancestrais -criticados polo arzebispo de Braga S. Martiño Dumiense (30) coa finalidade de gañar adeptos para a súa causa, polo cal cristianizou tódalas pedras, fontes, mananciais, etc… "Ciertos rituales llevados a a cabo en torno a una serie de piedras, fuentes, bosques, etc... fueron aprovechados por el cristianismo siempre que posibles rendimientos los justificasen. Así, tenemos que siempre que una gran mayoría tuviera arraigada tal costumbre, los sacerdotes modificaban aquella para adaptarla a su religión. De esta forma, se aseguraban la permanencia del culto y la no desviación en masa" (31).

B.- Ademais dos rituais descritos os devotos levan a cabo outra serie de promesas que sinalo a continuación:

1.- As misas
Algúns devotos cumpren esta ofrenda que o crego da freguesía, á que pertence o santuario, encárgase de celebrar no transcurso do ano.
No ano 1995 os devotos ofreceron maís de trescentas misas. Cada unha delas custou oitocentas ptas.

2.- A ofrenda en metálico
Esta ofrenda amosa os seguintes xeitos:
2.1.- Ó poñe-lo santo, xa que os devotos deixan unha esmola ó poñente.
2.2.- No transcurso das misas que se ofician no santuario nos días da súa festividade.
2.3.- Nos cepillos da esmola que hai no santuario.

3.- Os Velóns
Algunhas candeas da mesma altura cá do ofrendante e candeas pequenas e grosas que se colocan no interior do santuario.

4.- Os exvotos de cera
Os exvotos representan a unha serie de animais: eguas, cabalos, vacas e cochos, así como o corpo humano e algunhas das súas partes: pernas, brazos, mans, pés... Estes exvotos son levados ó santuario polos devotos en testemuña do seu agradecemento pola influencia benéfica que o S. Benito exerce na cura das doenzas humanas e animais ou para pregar a súa protección no curso da vida.
No Museo de Pontevedra hai unha serie de terracotas procedentes do santuario itálico de Calvi, situado na Campania. Neste santuario dedicáronse moitos exvotos ós deuses itálicos durante varios séculos. Destacan as cabezas de homes e mulleres, algúns animais -vacas, cochos-. A maioría destas terracotas, feitas con molde, estiveron policromadas, sendo interesante comprobar a súa semellanza cos exvotos de cera que aínda se ofrecen en bastantes santuarios (32).
A carón do santuario había un posto de cera que vendía todo tipo de productos ós seguintes prezos:
1º.- Exvotos de cera .......................................... 200 ptas.
2º.- Candeas, de tódolos tamaños ........ de 100 a 500 ptas.
Nesto posto vendíanse maís exvotos que candeas. Entre os exvotos figuraban en primeiro lugar os corpos humanos, logo as pernas e finalmente os animais.
No interior do santuario os devotos podían ofrecer calquera producto de cera, pagando os seguintes prezos:
1º.- Candea sinxela ............................................ 75 ptas.
2º.- Candea mediana ........................................ 150 ptas.
3º.- Candea da mesma altura cá do ofrendante .... 500 ptas.
4º.- Calquera tipo de exvoto ............................... 150 ptas.
Deste xeito evitábase a competencia có exterior.

5.- A ofrenda en especie
Algúns devotos seguen ofrecendo queixos e productos ligados có cocho como, unllas, cacheiras, lingoas, dentes etc. Ó domingo seguinte hai devotos que traen maís ofrenda en especie, que xunto coa que se ofreceu o día da festa poxase logo da misa das doce.
O que realiza a poxa, colle toda a ofrenda en especie e distribuea do seguinte xeito:
1º.- Os queixos vainos poxando en lotes de dúas unidades.
2º.- Os productos, ligados có cocho, vainos poxando en lotes de catro ou seis unidades dependendo da ofrenda que haxa.
Por outra banda na poxa non hai un prezo de saída por parte do que a leva a cabo, senón que os asistentes á mesma son os encargados de comezar cun prezo en cada lote.
Bastantes persoas acoden á poxa mostrando un gran interese por obter algún producto que tivo relación coa imaxe sagrada do santuario. "En muchos de los santuarios estas ofrendas en especie se venden en subasta pública....los devotos muestran gran interés en comprarlas porque su contacto con los santos las ha convertido en reliquias" (33).
Este tipo de ofrenda sigue usándose nalgúns santuarios galegos, noutros do estado español. Tamén nalgúns europeos. "En Portugal... las ofrendas son simple acumulación de productos corrientes de producción local...Todos estos productos son vendidos en subasta al final del dia. En Bretaña todas las ofrendas en especie se subastan el día de la peregrinación o después de la misa dominical..." (34).

10.- Algúns aspectos da literatura popular sobre o S. Benito
O tema da Literatura Popular prantexa unha cantidade de interrogantes de non doada resposta. Vázquez Montalbán fala dela coma dun conxunto sub-cultural que se convirte en testemuña de sentimentalidade, moralidade, sabiduría convencional e, polo tanto, de índice de comportamento de grupos (35). Croce referíndose ás orixes da Literatura Popular manifesta que ningún fenómeno folklórico nace como tal senón que chega a selo por medio dun proceso cultural e histórico… (36).
As características básicas que se soen sinalar a unha obra literaria de creación popular son catro: é oral, polo seu medio de transmisión; anónima, polo seu autor; tradicional, pola súa forma, e natural ou espontánea, pola súa expresión.

Algunhas cantigas populares dedicadas ó S. Benito:
1ª.- "S. Benitilo do ollo redondo
hei de ir alá miña nai
si non morro.
Hei de levar unha bota de viño
pra emborracharme no S. Benitiño".

Esta cantiga e moi popular. Sen embargo o último verso é sustituído por outro que dice:" e un anaco de pan pra o camiño".
2ª.- "S. Benitiño redondo
ó que lle foron armar
que tiña unha muller morta
debaixo do seu altar".

Nestas cantigas manifestase por unha banda o efecto compensatorio e lúdico da festa profana, logo que de que os devotos realizaran unha serie de promesas ó santo. Por outra o carácter burlesco, e grotesto con respecto ó santo. Polo tanto case sempre en tódalas comunidades dase unha actitude de ambigüidade. Finalmente hai unha adiviña referida a romaxe do S. Benito que dí o seguinte:
"Fun á romería de S. Benitiño,
a un pai e sete fillas crucei no camiño;
cada filla levaba sete sacas,
en cada saca ían sete gatas,
cada gata sete gatiños.
Gatiños, gatas, sacas, homes, mulleres no camiño,
¿ cantos ían ó San Benitiño?"


NOTAS
23.- Diario "El Progreso de Lugo", Redacción, 1993, p. 12.
24.- BLANCO PRADO, José Manuel.: Religiosidad popular en el municipio de Begonte, Servicio de Publicaciones de la Diputación Provincial de Lugo, p. 81.
25.- RISCO, Vicente.: "Etnografía. Cultura Espiritual", en Historia de Galicia dirigida por Ramón Otero Pedrayo, Ed. Akal, Madrid, 1979, pp. 380-381.
26.- MARIÑO FERRO, Xosé Ramón.: Ob. cit., p.171.
27.- Ibidem, p. 170.
28.- Ibidem, p. 170.
29.- ELIADE, Mircea.: Tratado de Historia de las Religiones, Instituto de Estudios Políticos, Madrid, 1954, pp. 195-197.
30.- BOUZA BREY, Fermín. Etnografía y Folklore de Galicia, Ed. Xerais de Galicia, Vigo, 1982.
3 .- DE FRUTOS GARCÍA, Pedro.: Leyendas Gallegas (III), El Caldero de Lug, Ed. Tres- Catorce - Diecisiete, Madrid, 1981, p.23.
32.- BLANCO PRADO, José Manuel.: Ob. cit., 1996, pp. 47-48.
33.- MARIÑO FERRO, Xosé Ramón.: Ob. cit., p. 277.
34.- Ibidem, p. 278.
35.- SIXIREI PAREDES, Carlos.: SAN CRISTOBO DE XAVESTRE, Chequeo a unha comunidade rural, Ed. do Castro, Sada, A Coruña, 1982, p. 220.
36.- Ibidem, p. 221.
37.- MARTÍN, Paco. ¿Que cousa é cousa...? Libro das adiviñas, Cultura popular, Ed. Galaxia, 1985.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES