Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Amor que salva

domingo, 26 de octubre de 2014
Aproveitándose das trapelas que lle preparaban os representantes da relixión xudía do seu tempo, Xesús segue a nos ofrecer a súa visión sobre temas importantes que afectan a nosa vida. É o froito da súa íntima e inimaxinábel relación con Deus Pai. O que Xesús nos di ou comenta non é máis có que o Deus Pai, pai seu e pai noso, nos quere comunicar a nós e a todo o mundo.

“Mestre, cal é na Lei o gran mandamento?”. Unha pregunta en principio doada de responder. Deus é o primeiro de todo, a nosa orixe, o que nos deu vida, o que nola sostén e o que quere que esa nosa vida perdure por toda unha eternidade. Deus creador non tiña necesidade de nós para nada. Por iso, se nos creou é porque nos quere, porque desexa facernos partícipes a todos da súa vida e do seu amor. A consecuencia é que deberiamos agradecerllo e amalo. Iso si. Xesús vai insistir na súa resposta en que ese amor a Deus, que tan gratuitamente nos quere, haberá de realizarse “con todo o corazón, con toda a alma e con todo o entendemento”. É unha maneira de nos dicir que o noso amor a Deus non debería ter límite ningún a pesar da nosa propia e humana limitación. Por iso, para que este amor se realice fará falla toda unha vida e toda unha eternidade.

Mais Xesús irá, na súa resposta, máis alá da pregunta formulada polos fariseos. Porque Xesús quere darlles a entender ós seus interrogadores que as cousas que se refiren a Deus e a este primeiro mandamento cambiaron radicalmente dende que el é o “Deus connosco”. Dende que el é o Deus encarnado, o Deus que se fai compañeiro e irmán noso. Pois resulta que o Deus do Antigo Testamento é agora, coa aparición de Xesús como un Deus humanizado, un Deus que lle dá unha importancia infinita a tódalas persoas humanas, a nós e ós homes e mulleres de tódolos tempos e lugares. Todos somos agora fillos de Deus e irmáns do seu Fillo primoxénito.

Polo tanto, dende que Deus se quixo facer presente, de maneira inimaxinábel e insospeitada, en Xesús, non é abondo xa con dicir que amar a Deus é o primeiro mandamento. Non. Hai que lle engadir de contado a este mandamento que hai outro segundo mandamento sen o cal o cumprimento do primeiro non resulta suficiente nin sequera chega a se cumprir de verdade.

É por isto precisamente polo que Xesús dirá que o segundo mandamento é “semellante” ó primeiro. Un segundo mandamento que na súa formulación é moi breve, mais de longos e amplos horizontes e moi concretas esixencias: “Amarás ó teu próximo como a ti mesmo”.

En definitiva, non se pode dicir que un cumpre co primeiro mandamento se non cumpre con este segundo. Ninguén pode dicir que ama a Deus se non ama ó seu próximo, ó seu irmán.

Xesús sinala incluso unha medida dese noso amor ó próximo. Trátase dunha medida de moi doada comprensión. Á diferenza do primeiro mandamento, sobre o que se nos di que o debemos realizar ou cumprir “con todo o corazón, alma e entendemento” (e que nos pode resultar unha medida incomprensíbel e inalcanzábel), as cousas cambian ben no que se refire ó segundo.

¿Ou é que non sabemos como nos queremos ou amamos a nós mesmos? Máis que sabelo, vivímolo en todo momento e en calquera circunstancia. Procuramos que non nos falle o aire para respirar, os alimentos para comer, a casiña ou o pisiño que nos protexan e defendan, etc. etc. Iso de amármonos a nós mesmos facémolo coa meirande espontaneidade e naturalidade do mundo e sen que nolo mande ninguén. Se a cousa non fose así, hai moito que a humanidade tería xa desaparecido.

Pois ben, esa é a medida que nos pon Xesús para cumprirmos o segundo mandamento: amar ós demais como cada un se ama a si mesmo. Unha medida que, por comprensíbel e doada de entender que sexa, non deixa de ser moi alta e esixente.

O quererse a si mesmos, o “egoísmo” ben entendido, é algo, pois, que se converte en esencial para sabérmonos orientar no amor a Deus e ó próximo. Se alguén non se quere realmente a si mesmo, dificilmente será capaz de querer ós demais e ó mesmo Deus.

En relación con isto, nalgún sitio lin algunha vez que deberiamos ocupármonos na vida de tres cousas esenciais, que teñen todas elas relación co amor. O amor é unha única realidade con tres caras diversas: amor a Deus, amor ó próximo e amor a si mesmo. Desde nenos aprendemos, en relación coa Santísima Trindade, que hai “tres persoas distintas e un só Deus verdadeiro”. Pois ben, en relación co amor, poderiamos dicir algo parecido: hai tres amores distintos e un só amor verdadeiro. E eses tres amores distintos son amor a Deus, amor ó próximo e amor a un mesmo. Tres amores nos que se amosa de distintas formas o mesmo e único amor que debería presidir a cotío as nosas vidas.

Xa vedes como Xesús simplifica o noso modo de proceder e de actuar na vida, reducindo a multitude de mandados e prohibicións que tiñan os xudeus a só dous mandados ou, se queredes, a tres: amar a Deus, amar ó próximo e amarse a un mesmo. O último, amármonos a nós mesmos, resúltanos cousa doada. O problema está só no segundo mandamento, o de amar ó próximo, porque se o cumprimos cumpriremos xa tamén co primeiro. Os coñecedores das prácticas relixiosas dos xudeus e dos rabinos que os instruían no tempo de Xesús infórmannos de que se podían contar, nada máis e nada menos, que 613 mandamentos. Dos cales 248 eran preceptos e 365 prohibicións. Todos eles tiñan, ademais, o mesmo nivel de esixencia.

Neste sentido, podemos dicir que Xesús nos liberou verdadeiramente deste complicado mundo normativo antigo para centrarnos nunha soa dirección: a do amor. En realidade, se, como proclamaba Xoán, Deus é “amor”, entón Xesús, o Fillo benquerido de Deus, non podía mandarnos facer outra cousa có que o mesmo Deus Pai fai: amar, amar ó seu fillo e amarnos a todos nós.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES