Deixo lido o imprescindible ensaio de Inma Otero Varela A ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura, sexta entrega das Anotacións sobre Literatura e Filosofía de Euseino? que pode descargarse de balde
aqui.
Excelente coñecedora do papel que o suxeito feminino xoga na literatura galega dos últimos anos, Otero Varela reflexiona con lúcida fondura sobre as trampas do que o sistema androcéntrico alcumou como literatura

feminina ou literatura de muller para, indo máis alá, responder cuestións claves como o que se (pre)supón escrita de muller ou mesmo o que é ser muller a través da proxección dos clixés que na escrita se levan desenvolvido e que cómpre superar.
Seguindo os postulados da modernidade líquida de Zygmunt Bauman e sen perder de vista as exploracións do real, o subxectivo e os límites do eu enunciados por Katerina Kolozova, Otero Varela cuestiona o inmobilismo tradicional do eu para formular a súa radical mutabilidade, a súa inestabilidade que arrastra a un proceso de continuo (re)facerse, vida líquida, fluencia constante no individual e no seu especular social e, por ende, literario.
O eu espectacular, o exhibicionismo do propio nas Redes e outras circunstancias van levando a autora ao cuestionamento da desintegración actual do suxeito e a necesaria viraxe cara á rehumanización que se impón.
Neste escenario, a ficcionalización do eu e, sobre todo, a potencialidade do eu muller revélase fundamental, pois, ao ver de Otero Varela, unha protagonista feminina ofrece máis posibilidades, xa que son as mulleres as que están máis obrigadas a construírse. Así, as personaxes femininas, ou as enunciacións femininas, artellan con máis forza algunhas das temáticas literarias actuais, e xustifica este aserto na comprobación do diferente rol que os xéneros do masculino/feminino xogan nas posicións de discursos subversivos e de contrapoder, nas temáticas do emocional e, no noso caso, como todo o anterior se codifica singularmente para unha cultura (literaria) minorizada, o que, nesa loita da identidade condicionada e subordinada fronte á imperialista e homoxeneizadora, fai a algúns cualificar as nosas letras de literatura queer.
Con independencia da centralidade única que Otero Varela concede á muller facéndoa protagonista primeira dunha actualidade que se reinventa constantemente nesa ficcionalización do eu mutable (aquí os teóricos doutros discursos xenéricos queer e negacionistas terían moito que discutir), non cabe dúbida de que este ensaio é unha contribución máis que suxestiva, que se abre ao diálogo construtivo e á revisitación de lugares comúns para superalos.
Atractiva aposta a destes cadernos de Euseino?, que chegan á media ducia de títulos con este A ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura que, espero, dea moito que pensar.