Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Exposición de árbores e de moito máis

jueves, 23 de octubre de 2014
UNHA EXPOSICIÓN DE ÁRBORES E DE MOITO MÁIS

O profesor Ricardo Gomez Polín é unha desas persoas que, a pouco que se trate, non lle queda a un máis remedio que preguntarse de onde pode sacar tempo pra facer tanto e facelo tan ben. O refrán: “Quen moito abarca pouco aperta” tén en Polín unha máis que probada excepción. Que eu saiba conta no seu haber con varios primeiros premios en distintas materias, pero non me consta que sexa aínda membro de ningunha Academia Real ou Republicana.

Non sei a que agardan pra recoñecerlle méritos sobrados pra nomealo membro numerario polo menos de vinte: da lingua, de historia, de humanidade, de poeta do País… Dito isto, e calado moito máis, calquera comprenderá que eu sinta moitísima fachenda de que el me honre coa súa amizade e de que sinta admiración polo seus saberes e pola súa persoa.

Que conste que estou ben certo de que non me cega a admiración nin a amizade no que dixen non no que vou dicir. El é principal artífice dunha exposición moi singular que no que queda do mes e outubro e durante todo o de novembro poderá contemplarse no Museo do Castro de Viladonga.

Titúlase ÁRBORES LITERARIAS NA PAISAXE LITERARIA DA TERRA CHA e conta duns 15 paneis nos que se recollen fotografías doutras tantas árbores e do seu entorno ademais de textos literarios relacionados con cada unha. Por exemplo un carballo que eu coñezo ben vai acompañado de varias imaxes del mesmo en distintas épocas do ano e de fotografías de dous hórreos próximos, da igrexa parroquial, dalgunha casa, de varios alpendres e da paisaxe da contorna. Así cada unha das 15 árbores, entrecollidas de entre os centos delas que, por fortuna, pero con risco de desapareceren, aínda quedan pola Terra Chá adiante, convértese nun guieiro do que temos e de algo do que somos.

Os paneis que paga moito a pena contemplar no Museo do Castro son só unha parte dun traballo moito máis amplo, pero por razóns de espazo non pode exhibirse todo o conxunto. Nin está pechada a recollida doutros exemplares de árbores senlleiras, nin se dixo que non puidesen amosarse nunha segunda edición as que desta vez quedaron agardando.

Nesta mostra hai exemplares de castiñeiros, castiros, cedros, loureiros, carballos, freixos, piñeiros e teixos, todos eles centenario e pertencente ós concellos de: Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz e Outeiro de Rei.

Non se trata dunha exposición exclusivamente forestal. Non, é unha moi ampla e fermosa lección multidisciplinar. Abofé que atinaron e están conseguindo os seus obxectivos, ademais de Ricardo Polín, as institucións culturais que están detrás: a Área de Cultura da Deputación, o IES Basanta Silva e o Instituto de Estudos Chairegos (IECHA).

Son consciente de que estou facendo publicidade –dando a coñecer ó público-; pero creo que se alguén visita esta exposición animado por este artigo, ben seguro que se ha sentir satisfeito e mesmo agradecido.

Remato lembrando que as árbores non só forman parte da nosa paisaxe material, senón tamén da espiritual, por algo foron obxecto de culto en moitas culturas, desde a hebrea, na que se cría que repetidas veces Yahvé apareceuse en árbores ou silveiras ardendo, á celta ou á castrexa que vincula os carballos coa divindade e atribúenlles propiedades milagreiras.

Pero non nos fai falla irnos a Mambré nin á Bretaña pra sabermos o que valen as árbores. Escoitemos a Castelao: “O albre é un engado dos ollos, pol-a súa fermosura; é unha ledicia dos ouvidos, porque n-el cantan os paxaros; é un arrolador do esprito, porque nas súas ponlas conta contos o vento”. “O albre danos a froita, que é un manxar composto pol-o mesmo Creador, para regalía do noso paladar: o derradeiro ben que nos quedou do Paradiso perdido”.

Tamén dixo: “O día que seipamos o que val un albre, aquel día non teremos necesidade de emigrar”. O noso Castelao dixo moito máis e moito máis se pode dicir, pero entrecollo só estoutros pensamentos: “O albre danos as traves, o sobrado e as portas da casa, danos a cama, o almario das sabas e a artesa do pan. Danos o berce, o báculo da vellez e a caixa para baixar á terra”.

E isto xa non o di Castelao. Dígoo eu cheo de carraxe: Os que queiman os nosos montes ou arrasan os nosos soutos e carballeiras son uns asasinos!
Tamén digo, pero agora en son moi diferente: Graciñas Polín por todo, e graciñas a todos os implicados neste proxecto porque, axudándonos a coñecer mellor o que nos configura, estades axudándonos a amarnos máis a nós mesmos e ó próximo.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES