O galego, un deber
Editorial - miércoles, 01 de febrero de 2006
Poucas veces un tema orixinou tanta literatura no seu período de xestación como o "Estatut" non nado que pretende Catalunya.
É o terceiro na súa renovación, se atendemos á orde cronolóxica, pero vai ser o primeiro -pedra de toque- no que han mirarse tódolos demáis, entreles o noso que aspira desde antes do inicio dos traballos a ser tan estatuto coma o que máis. Ou sexa, coma este.
Aínda que o texto segue a ser unha incógnita, tense publicado -como exemplo, non é pequeno- que o coñecemento do idioma catalán vai ser obrigatorio para quen viva en Catalunya.
Quen viva en Catalunya non poderá vivir nunha burbulla, senón que terá que entender e falar o idioma da comunidade. Por obriga. Porque é un deber.
E, sen embargo, ¿que imos facer en Galicia?
Porque aquí todos queren -queremos- o mesmo que Catalunya. Os nosos políticos queren que apareza o termo "nación" no preámbulo, queren igualdade de trato económico, queren ser como cataláns diante do Estado, porque está comprobado que os cataláns non van recibir mal trato.
Respecto ó idioma, hase saber. Porque temos moi claro que o idioma é un dereito e un deber; coñecer e falar o galego é un dereito para todos nós, posuidores dunha lingua milenaria que nos identifica e enriquece. Tamén é un deber que temos co país, cos devanceiros, con tódolos que loitaron pola pervivencia deste noso falar.
Non obstante, ese deber queda implícito, para que cada quen o asuma no exercicio da súa liberdade, sen imposicións. Nós, a fin de contas, somos así. E o Estatuto non pode facer outra cousa que reflectir o que somos.
Quede o galego como dereito e deber para todos. Pero non como obriga.
Non teremos policía lingüística. Non forzaremos a ninguén. Quen non queira asumilo como deber e dereito, estarase arredando da realidade e da historia. Alá el.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora