Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Restauración da memoria lingüística

miércoles, 22 de octubre de 2014
DÍA DA RESTAURACIÓN DA MEMORIA LINGÚÍSTICA DE GALICIA

O uso do noso idioma nos cemiterios é ben vello. Na parroquia de San Martiño de Viloria (Barco de Valdeorras) hai un epitafio datado na idade Media que di: “Aquí jaz el bon Quiroga, rico home de Castilla. Foi moi homilde e caritativo que a ninguén deixou morrer de fame”.

Na igrexa de Santa María a Nova de Noia está a tumba de Pedro Carneiro que di: “Aquí Jaz Pº Carneiro veciño da Porta da Corredoira”.

As vicisitudes políticas que se sucederon a partir do século XV habían mudar ese hábito lingüístico congruente co idioma que falaban todas as clases sociais galegas. No século XIX volverán os epitafios en galego ás laudas mortuorias de escritores e poetas: Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Leiras Pulpeiro… Álvaro Cunqueiro deixou escrito seu epitafio, orixinal e cargado de intencións: “Eiquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia duirase mil primaveras máis”.

Celso E. Ferreiro quixo brindar polo futuro: “Máis o lume que alampea xamais o veredes morto”. Inscricións que contrastan coas prosaicas, repetitivas e carentes de interese literario da inmensa maioría nos nosos cemiterios.

O Concello de San Xoán de Río seica é o máis monolingüe de Galicia; sen embargo, nos cemiterios das súas parroquias apenas hai lápidas en galego. É curioso comprobar como nos territorios onde o noso idioma foi e segue a ser maioritariamente falado, as lápidas están escritas en castelán; e na franxa atlántica, onde o galego cedeu considerable espazo ao castelán, a presenza do idioma menudea anecdóticamente. Cos resultados do estudo que vimos facendo desde hai máis de quince anos podemos afirmar que só unha de cada mil lápidas, e o dous por cento das esquelas publicadas nos xornais se redactan en galego, correspondéndose estas maioritariamente á franxa atlántica, onde se asenta a poboación nas grandes cidades e vilas. Estas porcentaxes son reveladoras dunha perversión cultural que cómpre superar mediante accións pedagóxicas.

Para a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, que vén convocando ininterrompidamente desde hai anos o Día da Restauración da Memoria Lingüística, urxe mudar esta situación. Fixéronse chamamentos a partidos, sindicatos e organizacións culturais do País procurando a súa colaboración. O ano pasado, en San Domingos de Bonaval, ao pé do Panteón dos Galegos Ilustres, reuníronse os voceiros de partidos e sindicatos para asinaren unha acta de derradeiras vontades e o compromiso de realizaren accións de sensibilización para os seus afiliados e simpatizantes.

Tamén foron chamados a esta tarefa os concellos, obrigados por lei a fomentaren o galego en todos os ámbitos sociais. A proposta que se lles vén facendo é dobre: a) colocar na porta dos cemiterios unha placa cun texto que di: “Na memoria de todos os que xacen aquí, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”; b) substituír unha lápida en castelán de alguén que sobranceara na defensa do noso patrimonio cultural (escritor, músico, personaxe popular relevante na parroquia…) por outra en galego. Ali onde de procedeu en consecuencia, o resultado non puido ser mellor: masiva presenza do vecindario ratificando esa vontade de recuperar o noso sinal de identidade para un espazo tan respectado e querido pola parroquia dos vivos, e incremento do número lápidas en galego a partir de entón.

O día 23 de outubro celebrarase un ano máis o Día da Restauración da Memoria Lingüística en varios concellos galegos, salientando o que terá lugar en Ourense coa participación dun numeroso grupo de concellos. Agora queda que os centos de agrupacións culturais e musicais esparexidas pola xeografía galega tamén se sumen a esta celebración organizando actos nas respectivas parroquias. O obxectivo: conseguirmos que a “parroquia dos mortos” fale o mesmo idioma que a dos vivos.

(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador).
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania