Salvador Vila, un represaliado case esquecido
Salvador Vila era reitor da Universidade de Granada en abril do ano 1936 e o 12 de outubro do mesmo ano ten lugar en Salamanca o famoso

episodio do Paraninfo da Universidade con Unamuno e Millán Astray como protagonistas. Salvador Vila fora o alumno predilecto de Unamuno e este episodio semella que tivo que ver co seu fusilamento en Viznar (Granada 28-10-36) dez días despois do asasinato de García Lorca no mesmo lugar. A Salvador Vila o deteñen en Salamanca en xullo do 36 cando estaba de vacacións pouco despois de realizar o paseo que acostumaba a facer con Unamuno pola estrada de Zamora onde falaban e discutían de política, pois a Unamuno o destituíra o Goberno da República por apoiar a sublevación e Salvador Vila era home de fondas conviccións republicanas. O novo reitor tiña 31 anos cando é trasladado a Granada xunto coa súa esposa tamén detida. Este episodio ábrelle os ollos a Unamuno que se preocupa pola sorte do seu amigo e intercede por el sen éxito, pois Franco ignora a petición de clemencia e o fusilan xunto a unha amiga alemá, Margarira Adler (unha das primeiras mulleres que fusilan en Granada). Di a profesora granadina Mercedes del Amo que Franco non atende a petición de Unamuno en represalia polas palabras que pronunciou aquel 12 de outubro no Paraninfo diante de Millán Astray. Transcribo o que manifestou o vello profesor: Todos los presentes me conocen y soy incapaz de seguir callado. Hay ocasiones en que callar es mentir porque el silencio puede interpretarse como aquiescencia. Aquí donde estamos es el templo del intelecto. Vosotros sois los que profanais sus sagrados recintos: Vencereis porque tenéis la fuerza bruta, pero no convenceréis, porque para convencer tenéis que persuadir, y para persuadir no tenéis lo que hace falta: la razón y el derecho. Unamuno tomaba partido a prol da razón e do dereito e xa que logo en contra da ditadura. Mais vale tarde que nunca.
Souben de Salvador Vila a traveso do meu tío Xosé Rubia Barcia que o coñeceu en Granada cando no ano 1934 coincidiron na Escola de Estudos Árabes na que Vila fora encargado de lección e logo director cando substitúe a García Gómez que é trasladado á Universidade Central de Madrid. Salvador Vila era un prestixioso profesor malia súa curta idade, home de fondas conviccións republicanas que estivera desterrado na illas Chafarinas pola súa airada protesta en contra da provisión da praza de Unamuno confinado tamén en Fuerteventura perante a ditadura de Primo de Rivera. Estivo sempre ao lado dos estudantes nas súas reivindicacións, e todo iso configurou o argumento para que a brutalidade sediciosa rematara coa súa vida unha mañanciña do mes de agosto, hai agora 78 anos, no barranco de Viznar, no mesmo lugar onde uns días denantes fora fusilado tamén Federico García Lorca que se constituíu despóis na icona dos represaliados pola popularidade que tiña, porque era un personaxe recoñecido dentro e fora de España, pertencente, como Salvador Vila á xeración do 27, unha xénese dificilmente repetible. O arabista foi case un esquecido de tantos e tantos.
A súa participación en revoltas universitarias, o seu republicanismo de esquerdas, a acusación de pertencer á masonería, a idea obsesiva dos sediciosos de eliminar a xente importante co gallo de provocar o pánico na resistencia republicana, son causas que seguro influíron no seu fusilamento, pero tamén tomou corpo o argumento da vinganza de Franco contra Unamuno. Vaian vostedes a saber.