Teresa
Santalla, Iago - miércoles, 22 de octubre de 2014
Nestes días un novo monstro planea sobre a próspera sociedade occidental (léase a ironía). É un monstro do que escoitábamos falar a anos luz da nosa realidade e nin sequera provocaba un baixón no noso estado anímico. O ébola era cousa doutro mundo, doutra dimensión que nunca ía chegar a nós. Non entanto a nada que nos paráramos a pensar veríamos que esa dimensión era humana e que un día, por xustiza social e histórica, tería que asaltar o mundo civilizado (vólvase ler a ironía).
O caso é que ninguén se imaxinou que fose deste xeito tan rotundo. De novo, ao traer para aquí aos misioneiros Manuel García Viejo e Miguel Pajares (que fixeron unha gran labor humanitaria digna do máximo respecto e consideración pola miña parte), perdemos unha magnífica oportunidade de reconciliarnos con esa África que levamos séculos dinamitando e que, a pesar de todo, resiste a nosa desidia e míranos aos ollos para dicirnos que isto é o que leva sufrindo anos e anos de invisibilidade.
No fondo sabíamos que África tiña que saltar e que ía saír caro deixar de investir en cooperación e desenvolvemento; mais non sabíamos que o prezo sería o medo e a perda de saúde dos nosos compatriotas. Teresa, auxiliar de enfermería do Carlos III no cumprimento do seu servizo e, posteriormente, de xeito voluntario foi contaxiada por esta enfermidade á que logrou sobrevivir, converténdose nun exemplo de solidariedade e de humanismo fronte a todos aqueles que a criticaban dende unha tribuna ben protexidos de todo mal.
De novo, a historia que vivimos ponnos fronte a fronte cos nosos propios erros demostrándonos que toda decisión ten consecuencias. E, de novo tamén, parece que a vida pública deste país quere virar ás costas a esta aprendizaxe molesta polo que ten de asunción de culpabilidades. Ao fin e o cabo, se falamos de culpabilidade, xa temos o eslavón máis feble da cadea para que cargue con todo. Mentres haxa chibos expiatorios nunca conseguiremos mirarnos colectivamente no espello da verdade.
Neste intre celebro a total recuperación de Teresa e desexo escoitar a súa versión que será a única verdadeira, a única limpa, a única non suxeita a díxomes, díxomes especulativos e a única que garda a dignidade de quen non dubidou en arriscar a propia vida polos seus semellantes.
Parabéns, Teresa, precisamos xente coma ti para turrar pola vida!

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora