Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os outros Camiños

martes, 31 de enero de 2006
O paso do tempo e de millóns de peregrinos na percura da tumba do Apóstolo, acreditaron o Camiño Francés a Compostela como "O Camiño de Santiago", o que, desde a terra, segue o trazado que marca no ceo un regueiro de estrelas que popularmente se coñece como a Vía Láctea.

Os franceses deron en recorrer esta rota de peregrinación dun millón de pasos desde Roncesvalles a Compostela. E por se-los máis numerosos dos visitantes o nome da rota foi o de "Camiño Francés", que entraba en Galicia por Pedrafita e tiña no monte Zeberrium o seu fito máis importante, como a última proba a superar para conquistar a lonxana meta da capital de occidente.

Pero houbo e hai outros camiños... O da Prata, o Portugués... e os máis antigos do Norte e o Primitivo.

Un dos froitos do recentemente celebrado cume Galicia-Asturias é o acordo de potenciación de dous camiños a Compostela que as dúas comunidades comparten. E solicita-la declaración de Ben Mundial para estes dous camiños que, a pesar de quedar preteridos, seguen estando de actualidade e son utilizados por milleiros de peregrinos.

O Camiño do Norte entraba perto da costa, por Asturias, e viña por Vilalba e Baamonde para confluir co Francés non lonxe de Compostela. O Camiño Primitivo, que foi o primeiro, viña por terra segura, entre montañas, por Fonsagrada, Cádabo e Lugo, en tempos nos que o árabe invasor non permitía mellores ou máis directos accesos. Os dous, imprescindibles para comprender a forza de atracción que Compostela exerceu e exerce desde hai máis de mil anos na cristiandade europea.

Agora que o Camiño Francés a Compostela ten recibido tódolos recoñecementos, é o momento dos outros camiños. E parece razoable proceder por orde, e potenciar os máis antigos, os do Norte, que foron tamén os máis esquecidos.

Asturias e Galicia comparten o Camiño Primitivo e o do Norte. Gracias a este achegamento político, potenciaranse estes dous camiños. Gracias á existencia e potenciación destes dous camiños, seguiranse a achegar dúas comunidades ás que o tópico asigna vencello familiar, pero a realidade confirma que poden estar aínda moito máis perto.
Editorial
Editorial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES