Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Tordo

martes, 21 de octubre de 2014
Preséntome. Eu son o «Tordo», un cabalo que nacín, á posta do sol dun día de inverno, ó agarimo dun valado no Fiouco, ó pé do Cristo. Chovía a caldeiros, zoaba o vento e, ó lonxe, ouveaba o lobo. Xa dixo Noriega Varela:

Oubea o lobo xunto á cruz de pedra
¡i o Cristo non se arreda!
[...]

Miña nai -lémbrome ben- deitouse ó pé de min para que non tivese frío nin medo. ¡Que boa era miña nai! Os outros cabalos da grea andaban por alí á espreita por se tiñan que axudar ou defendernos dos lobos. Non fixo falla. Aquela noite os lobos non viñeron facer das súas ó Fiouco. Foron a Campo de Oso onde disque comeron unha besta que lles fixo fronte para defender a uns cabaliños que naceran facía poucos días.

Alí, polo Fiouco, ó pé do Cristo, en liberdade, transcorríu a miña nenez. ¡Que anos aqueles! ¡Moi ben o pasei brincando cos outros cabaliños do meu tempo! Por algo Díaz Jácome escribiu:

¡Terras bravas e espidas de Galicia,
montes ermos da Corda e do Xistral,
onde brincan os ceibes cabaliños
[...]

Pero, a nenez pasou axiña... Ó comeza-la mocidade, o «Tordo», é dicir, eu, era -en frase de Crecente Vega- un cabalo «dos mellor feitiños que puido dar Dios». De min escribiu Xosé Díaz Jácome:

[...]
Un cabaliño ledo coma un riso,
lixeiro e armoñoso -vó sen azas-
cunha mesta e galana pelambreira
[...]
Este cabalo -pulo de beleza-
é un soño meu, lonxano e perdurable.
[...]

Por iso, cando chegaron «As San Lucas», leváronme á feira. Lembro a subida de toda a grea pola Fontevella, no amencer do día 18, dando relinchos e repinicando fermosas alboradas co noso trotar polas rúas, camiño do Campo dos Paxariños nos Remedios. Lembro como pouco a pouco ían instalando os seus postos os ferreiros de Ferreiravella e Taramundi, os cacharreiros de Mondoñedo, os talabarteiros... postos de carne, de empanadas, de mantas zamoranas, de mel, de castañas... Lembro a don Álvaro Cunqueiro, na compaña de Merlín e de dona Xenebra, dando a súa tradicional volta pola feira. Lembro a chegada, ó Campo da Feira, dos primeiros regateos, dos primeiros tratos, das primeiras ventas... e lembro -mellor sería non lembrar- cando venderon a miña nai. Moito chorei. Tanto chorei que, ó verme, escribiu Díaz Jácome:

[...]
un cabaliño deses, brincadores,
que agora vexo, tristes, nas San Lucas,
cun frolecer de orballo nos seus ollos
[...]

Pola, tarde, contra a noite, ó remata-la feira, ceibáronnos a todos e, a todo trote, por camiños e carreiros, volvemos ó Fiouco, onde seguimos en liberdade, pero xa moi tristeiros porque faltaban moitos.

Os anos foron pasando e cada San Lucas ía á feira. Nunha das San Lucas eu tiven que deixa-lo Fiouco para non volver. ¡Ai, canto o boto de menos! Daquela eu xa era un cabalo feito e dereito, un cabalo, como diría Pernas Nieto, «frol da feira». No Campo dos Paxariños, nos Remedios, despois de moitos regateos e algún que outro xuramento, houbo trato e vendéronme por cento setenta e sete mil reais. ¡Daquela eran moitos cartos!

Despois do trato, metéronme nun camión medio estartelado no que xa había máis cabalos do Fiouco, da Pena da Roca, do Campo de Oso, da Toxiza... e vin parar a... Andalucía. Desde aquela aquí estou vivindo e traballando nun «cortijo» para un señorito andaluz. ¡Canto me teño lembrado e me lembro daquelas terras altas do Fiouco onde eu medrei en liberdade! ¡Canto me teño lembrado e me lembro daquelas augas sempre frescas! Se me paro a pensar aínda se me vai algunha que outra bágoa. A ver se nas próximas San Lucas podo voltar e quedarme na miña Terra de Miranda.
Villares Mouteira, Félix
Villares Mouteira, Félix


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES