Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A España dos irresponsables

lunes, 20 de octubre de 2014
Compás social: A España dos irresponsables


Normalmente a xente do común fai pouco caso ó mundo dos rumores, das medias verdades dos grandes titulares e doutras técnicas dos medios de comunicación onde unha gran variedade de plumíferos expresan as súas ocorrencias. A gran maioría da masa social xa está vacinada. Mais esta vez, coa cuestión e posible ameaza do évola, a situación é diferente, porque para todos, para uns de cerca e para outros de lonxe, podería estar en xogo a vida. E neste intre os cidadáns normais sentimos e actuamos coa responsabilidade individual e colectiva necesaria, fóra dalgúns irresponsables situados estratexicamente.

Levamos xa demasiados meses acumulando adxectivos e historias lamentables de corruptos, cínicos, demagogos, oportunistas, incompetentes, e así unha longa restra de palabras; mais agora escoito en moitas partes o cualificativo de IRRESPONSABLES. Quen son eses? Ás veces son difíciles de discernir porque dan unha de cal e outra de area, e aínda que son unha minúscula minoría, están incrustados nos grandes medios de comunicación, nos partidos políticos, nos sindicatos, nos internautas e nas diversas asociacións, como persoeiros famentos de sona pública. Convén aguzar o oído para descubrilos.

Enfoquemos de cerca o caso do évola en España. Cando trouxeron o primeiro misioneiro a España, Miguel Pajares Martín, algúns politiquiños, esquecendo que a normativa vixente prevé repatriar a calquera cooperante en situación especial, deseguida preguntaron polo custo da operación e o seu coro mediático empezou co retintín de que era un relixioso. Dito en román popular, aquilo foi unha mesquindade. Cando chegou o segundo relixioso, Manuel García Viejo, seguiu a mesma partitura e case a mesma música algo amainada. E por unha fatalidade aínda descoñecida, produciuse a contaminación de Teresa Romero, persoa que intuímos de espírito admirable capaz de expoñerse voluntariamente a tal perigo en servizo ós demais.

E aquí comeza o incrible. Antes de que se aclare o que realmente ocorreu, saíron uns gobernantes como tancredos a informar sobre do que non sabían; e outros políticos da oposición, aínda menos informados, saltaron pedindo dimisións inmediatas a destra e sinistra. En cuestión tan delicada, sería moito pedirlles a responsabilidade de esperar un pouco? Acto seguido algúns "comunicadores" dos grandes medios de Comunicación arrancaron coas súas sospeitas repetidas ata o infinito e compostas de frases e matices alambicados, mesturados con algúns rumores falsos e con medias verdades. E por se faltaba algo, algúns representantes sindicais terzaron cociñando un compostaxe de todo isto. E que dicir do caso do can escalibur? Vaia conmoción en determinados colectivos! Foi unha mágoa ter que sacrificalo, pero máis fatídico sería ver ó évola estendido a outros cidadáns españois.

Francamente, foi sorprendente. Se como se di, coas cousas de comer non se xoga e coa vida moito menos. Xa empeza ser alarmante ollar, escoitar ou ler nos medios de comunicación a persoeiros da política, dos sindicatos e dalgunhas organizacións ou asociacións diversas que non mostraron sentido dos tempos necesarios, nin da proporcionalidade das reaccións nin da responsabilidade do ben colectivo, senón que todo o levaron ó extremo dos intereses propios totalmente desguedellados.

Certamente, hai que aclarar e avaliar a responsabilidade dos gobernantes, dos opositores, dos medios de comunicación, dos individuos ou dos grupos organizados que propagan falsos rumores; e así mesmo hai que esclarecer os posibles erros e imprudencias das persoas enfermas ou en corentena. Mais ese proceso require unha cadencia temporal, unha indagación previa, ás veces difícil, da verdade completa dos feitos ocorridos. Neste caso semella que bastantes irresponsables saltaron esas precaucións elementais.

Estes comportamentos irresponsables tamén se poden observar desde hai algún tempo no tratamento doutras cuestións e problemas importantes da vida actual da sociedade española. A demagoxia pública e ruidosa parece impoñerse sobre a mesma necesidade individual e colectiva de ser prudentes e xuizosos. O Goberno, nomeando un equipo de expertos, está poñendo cordura; e algúns medios de comunicación intentan recompoñer a moderación. Pero o mal inicial xa está feito e será difícil que a gran maioría silenciosa preste de novo credibilidade.

Por diante, cara a un futuro inmediato, espérannos unha serie de acontecementos que marcarán o futuro de España; e veremos se continúa a táctica de determinados grupos do "canto peor, mellor". É dicir, realizar actividades e mobilizacións supostamente inocentes, festivas e democráticas, valéndose de frases de impacto, enganosas e de contido demagóxico. Se esa "metodoloxía política" se impón como predominante, vamos directamente cara a nada dunha modernidade regresiva.

Ansiamos de corazón a recuperación definitiva de Teresa Romero; mais aínda falta unha derradeira escena: a guerra de escalibur. Debemos estar atentos por se continúan os exabruptos irresponsables.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES