Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un ano sen Marcial

viernes, 17 de octubre de 2014
No guión radiofónico e na peliculiña de Bon Nadal, realizados polos anos 1983-84 e emitidos por Radio Popular de Lugo e pola Televisión Española en Galicia, Marcial González Vigo fixera o papel dun Xosé, casado cunha María, dono dun pequeno talleriño de carpinteiro, metade seu e metade dunha caixa de aforros, acolledor e criador agarimoso dun fillo que naceu nun cortello por non haber cama pra eles aquela noite no hospital.

Un ano sen MarcialO día oito deste mes de outubro viñeron buscalo das Alturs para encomendarlle que convertese un programa de radio de terceira en programa de primeira.

Quedáronse con el por aló e debido a iso levamos UN ANO SEN MARCIAL por acó. E, como se sospeita que xa non o ceiben ou que aínda que o ceibasen, co sabido, sabido, non queira el volver, un grupiño de amigos, por iniciativa de Xulio Xiz, queremos honrar colectivamente a súa memoria . Con ese motivo ocorréuseme tratar de saber algo del e decidinme a preguntarlle estoutro día a San Xosé, por WhatsAopp, que tamén é un dos novos medios de oración acorde coas novas tecnoloxías: -San Xosé, perdoa que te tutee e perdoa se te molesto, pero gustaríame que me dixeses se coñeces a un amigo meu que se chamou mentres andou por aquí abaixo Marcial González Vigo? O D.N.I. non o sei ni tampouco o número de tarxeta sanitaria. Tarxetas de crédito creo que non levaba, que llas espurgaran ben espurgadas. Non é que me corra moita pera, pero, se che fose posible, gustaríame ter resposta antes do sábado día 18 de outubro para darlles unha sorpresiña ós amigos comúns.

Escasamente tería tempo a chegar o WhatsAopp á casa do meu veciño máis próximo e xa tiven resposta. Foi esta: -Non te preocupes polo tuteo. Xa estou afeito. Como non levei coroa de rei nin solideo de monseñor, nin nada máis ca mans endurecidas polo duro traballo dun carpinteiriño multiusos, case ninguén me aseñora. Pero, como se che ocorre preguntarme se coñezo a Marcial? Estás ti bon! Eu son humildoso, pero non un pánfilo! Claro que nos coñecemos!

Desde o momento que el pensou, sen chegar nunca a sabelo certo, que o personaxe que representaba naquela argallada túa de Bon Nadal era eu, comecei a fixarme nel e comezou a caerme ben. Unha noite, cando andabades con aquela historia, el tiña un vasiño de máis e díxome: San Xosé, non sei rezar moi ben, nin sei se isto é ou non unha oración, pero, se me oes, axúdame, porque non te quero deixar quedar mal. Dáme a impresión de que o cura trata de presentarte como algo pampallón, xa que iso é o que pensamos moitos de ti. Marcial tiña razón, pero non cho vou ter en conta, cura, despois das parvadas que se levan dito e escrito sobre min… Sabes que hai moitas cousas nas que nos parecemos Marcial e máis eu?

-En cales? –preguntei.
-Non cho digo, que despois igual o publicas pra quedares por listiño, saltándote o dereito á privacidade e á protección de datos –respondeu.

Con certo medo a unha nova reprimenda retruquei: -Pois parecerédesvos, pero ti es modelo de fe e en cambio el cualificouse a si mesmo, polo menos unha vez que eu sei, como incrente.

Houbo reprimenda, houbo: -Outra! Teste ti por moi crente, non? Mándame todos os increntes coma Marcial pra aquí, ou mellor, quedádevos con eles por aí e refaredes o mundo sen necesidade de moitos protocolos programáticos. Aquí non se lle puxo o termómetro de medir a fe, que eses son inventos vosos, pero o termómetro da tenrura escachizouno de vez de tanto como lle fixo subir.

Como o medo ás broncas de San Xosé nunca me quitou o sono, aínda ousei seguir preguntando: -E, se non vai contra a o dereito á privacidade, poderías dicirme se xa anda por aí por xunto de ti?

De contado chegou nova e rápida resposta: -Anda, e máis ben! Pouco tivo que agardar que xa viña moi purificado.

Rematei: -Sospeitábao, pero alédome ben de ter confirmación oficial. E, se non é moito pedir, querido San Xosé, poderías darlle recordos meus e de moitos amigos máis? E tamén, se che parece, ademais de seguires intercedendo ti por nós, dille tamén a ese “incrente” que rece algo polos que nos consideramos “moi crentes”. Graciñas e ata a hora menos pensada. Cousa que eu poida … xa sabes, pero non te pases nas encomendas, eh, que xa un non está pra moitas lerias. Ai!, xa se me pasaba. Moitos saúdos de parte de todos a María. Que non se che vaia esquecer. Amén.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES