A autoridade na igrexa
Mato, Xesús - lunes, 30 de enero de 2006
O Evanxeo deste domingo cóntanos que os coetáneos de Xesús estaban asombrados da súa doutrina porque non ensina coma os escribas, senón con autoridade. Aínda máis: Este xeito de ensinar é novo xa que aos espíritos inmundos lles manda e obedecen. A palabra, evidenciada/avalada nas obras, é a que certifica/ratifica a verdadeira autoridade.
Joseph Ratzinger, o progresista teólogo dos anos 60/70 (agora Papa Bieito XVI), no seu libro A Fraternidade cristiá, despois de reafirmar a proposta de Xesús sobre o poder e a autoridade (non será así entre vós, todos sodes irmáns) facía esta reflexión: vese, con claridade, que ao culto xerarquizado e ás dignidades xudaicas contrapón Xesús a fraternidade dos cristiáns. Pregúntase: ¿a realidade actual do cristianismo non se parece moito máis ao culto xudaico, tan atacado por Xesús, cá imaxe dunha comunidade de irmáns?. Tamén dá a resposta: na Igrexa non hai máis ministerio que o do servizo e toda dignidade da Igrexa non é máis que a ordenación do servizo, dun servizo fraternal.
A reflexión ten moita actualidade. Chámasenos á revisión. A escala sociedade e Igrexa. Sobran ramallazos de autoritarismo e faltan actitudes de servizo. Abondan a intolerancia e o despotismo e escasean testemuñas e persoas con autoridade. Estamos a vivir nunha cadea de hipocrisías, incoherencias, mentiras, inxustizas e pasividade ante as violencias, marxinacións, pobreza, fame... O poder da palabra segue a facer estragos na sociedade a través dos medios de comunicación, da publicidade, das chamadas a un consumo desaforado, a unha vida desentendida dos demais...afectando aos mundos da economía, da política e mesmo no eido relixioso. Por outra banda, a voz da Igrexa e os seus actos de culto, cheos de fórmulas/ritos, seguen a se mostrar baleiros de contido e moi lonxe das verdadeiras realidades humanas que sofre e padece a Humanidade.
A pesar da chamada da Palabra de Deus, do Vaticano II, dos documentos da Igrexa e do berro dos pobres, seguimos instalados na apatía. Falla a coherencia de casar a fe coas obras, o que dicimos/cremos co que facemos. Fan falla profetas que vivan en coherencia e denuncien as barbaridades que estamos a olla e, sobre todo, persoas que encarnen a mesma vida de Xesús na súa para ser signos e anuncio de esperanza. Persoas que vivan en coherencia e non calen ante as inxustizas, mentiras, opresións e os falsos profetas.
Cómpre construír comunidades vivas, abertas, gozosas e fraternas que vivan, con autoridade. Para fortalecer este camiño, poden axudarnos as XX Xornadas abertas de Teoloxía que, baixo o lema Mensaxe cristiá e cultura da vida, se van celebrar, no Círculo das Artes de Lugo, ás oito do serán, a partir de mañá e ata o día 1º de febreiro.

Mato, Xesús
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora