Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O prexuízo de clase, todo un clásico

jueves, 16 de octubre de 2014
Fai poucos días atopaba por casualidade un recorte dun xornal de tirada local do pasado 10 de agosto cuxo titular dicía “14 rapazas preséntanse en sociedade na tradicional posta de largo do Liceo Casino”. O titular espertou a miña curiosidade polo que procedín a ler a noticia con detalle co obxecto de atopar o motivo que xustificase dita presentación en sociedade. Para a miña sorpresa este motivo non resultou ser outro máis que o apelido das aspirantes. Ó parecer na pomposa “posta de largo” as 14 debutantes foron presentadas unha por unha polos seus respectivos padriños (todos eles homes) para a continuación participar nun baile debut que semellaba funcionar coma unha especie de cerimonia de consagración. Non podo evitar considerar ridículo que en pleno século XXI sega a ter sentido a celebración deste tipo de actos propios do medievo. En todo caso, a noticia serviume para reflexionar acerca dunha das facetas que mellor atestiguan a estupidez humana como é o clasismo.

O psicólogo Walter Riso define o clasismo ou prexuízo de clase social como o conxunto de ideas e actitudes que definen a superioridade de certo grupo social sobre os demais. Persoalmente atopo especialmente chamativas dúas variantes do clasismo que poderiamos denominar titulitis e apeliditis, contando ambas cunha xenerosa representación na nosa sociedade. Mentres que os primeiros rinden culto ó título universitario e valoran á persoa en función do prestixio social da súa titulación, os segundos amosan unha especial predilección polo apelido da persoa equiparando a valía desta ó prestixio herdado dos seus lazos familiares. Non é complexo detectar ó enfermo de titulitis ou apeliditis, posto que ambos soen empregar unha serie de frases estándar que os identifican claramente. Por exemplo, no caso do enfermo de titulitis son frecuentes as expresións do tipo: “non te compares con ese que é licenciado”, ou “ese que vai saber se nin sequera rematou a carreira”. Por outra banda as vítimas da apeliditis empregan expresións aínda máis curiosas como: “ese eche de boa familia”, ou “os nosos fillos estudan na privada para codearse con xente do seu rango”.

O certo é que o prexuízo e a simpleza (non a sencillez) son os mellores amigos do ignorante, quen decide optar polo camiño da mediocridade ben por incapacidade para analizar ós demais con maior complexidade, o que podríamos considerar un problema aptitudinal, ou ben por considerar inxustificado o esforzo que un análisis non prexuicioso dos demais require, o que poderiamos denominar un problema de actitude. Independientemente da causa que orixine o clasismo, a estupidez do mesmo radica na inxustiza dos seus principios, que sobrevaloran a importancia de elementos menores como o título académico ou o apelido e menosprecian aqueles rasgos que realmente describen á persoa como son os seus valores, intereses, ou a súa curiosidade por continuar crecendo como persoa. Aínda que non en todos os casos, o clasismo soe ir acompañado dunha arrogancia que contamina os xestos e expresións do individuo. Pode que dita arrogancia sexa tan só consecuencia dun complexo de superioridade que, como moitos expertos sinalan, en realidade non é máis que un complexo de inferioridade. Aplicado ó caso que nos compete poderiamos afirmar que a arrogancia e a altivez características das mentes clasistas non son máis que un escudo que a persoa emprega para ocultar a súa inseguridade e insatisfacción a nivel persoal.

Como conclusión quixera facer referencia á biografía que, ó meu parecer, mellor desmonta a feble estrutura do clasismo como é a historia de José Saramago. O autor portugués foi quen de obter o Nobel de Literatura a pesar de carecer tanto de apelido, pois era fillo de campesiños pobres, como de grandes títulos universitarios, xa que a situación económica familiar só lle permitiu estudar ata os 12 anos. Estas circunstancias, lonxe de truncar a súa carreira foron un acicate para o desenrolo dun verdadeiro xenio da literatura que se fixo a si mesmo gracias ó seu sacrificio e ó seu talento. Estes son os casos que merecen sen presentados en sociedade, non lles parece?
Riera, Martiño
Riera, Martiño


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES