Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranzas dunha vida (30)

miércoles, 15 de octubre de 2014
A romaría de San Cosme


O vinte e sete de setembro, celébrase a romaría de San Cosme, nunha capela, no alto do monte de San Antón, a tres kilómetros de onde eu me criei. Os que ían a romaría participaban na misa da unha. Logo, había festa. Levábase o xantar. Comíase á sombra dos carballos. Xuntábase moita xente coñecida das parroquias veciñas, que o pasaban moi ben.

San Cosme era avogoso para que os nenos andaran axiña. Ían á procesión os pais con eles no colo. Ao entrar na igrexa, o sancristán poñíalles o Santo cun Sancosmiño pequeno, facendo o sinal da cruz, sobre a cabeza do neno, dicindo: “Santo bendito che poña a sanidade, che quite a enfermidade, polo poder de Deus, amén”. Poñían un bandexa para que lle botaran os patacóns nela. Logo, pola tarde, ía a mocería, os que quedaran na casa. Polo camiño, parecía xa
festa. Non había ningún coche. Era como dar un paseo.

Tamén viñan os xitanos. Vendían viraventos, aneis, quincalla, cestos; algo de todo. Traían uns cartuchos nun pau cuberto con palla. Dentro, había unha sorpresa. Xuntaban varas para facer cestos. Xa viñan a véspera. Quedábanse nun lugar que se chama a Fonteseca. A tarde de antes, pedían por todas as casas. Traían carros tirados por mulas. Alí, traían de todo. Tiñan moitos nenos, e poñíanos a pedir. Sempre se lles daba algo: patacas, espigas de maínzo; algo que se recollía da terra. Antes non había iso da droga. Para comer sempre se ía xuntando.

Despois do vinte e sete de setembro, o vinte e nove, San Miguel, era na mesma capela. A este santo non se lle facía tanta festa. Pero, como era no mesmo lugar, xa non marchaban os buchinches nin os xitanos.

Había as rosquilleiras, que ían de festa en festa coas roscas; unhas eran brancas e outras morenas. Antes no había tanto doce, pois non había supermercados. Así, as roscas tiñan moita venda.

Xa eran as últimas festas do verán, e empezaba o frío. Como estaba nun monte alto, aínda máis. Algunhas mozas xa estreaban abrigos. A xuventude era moi presumida. Valoraban moito o vestir. Agora, hai tanta abundancia... quizais, demais.

Antes de haber coches, era moi familiar. Logo, xa non se podía andar, pois todo era para aparcar. De todo isto que contei, xa hai moitos anos, pois teño setenta e cinco; son moitos.

Cando paso por ese lugar penso onde estarán todas aquelas almas que alí se xuntaban. Un recordo para os que non están e tamén para os que quedamos, que somos poucos.
Rodríguez Cabanas, M. Francisca
Rodríguez Cabanas, M. Francisca


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES