Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un Gran Hermano no Hula

jueves, 09 de octubre de 2014
Non pensaba escribir pra este xoves e poida que non falte quen diga: Menos mal. E máis non, non dirá ninguén, se cadra porque ninguén me le, e no caso de que me lea alguén, ben sabe que non lle imos tomar a lección e é moi libre pra non empezar, ou cortar, por donde queira, que xa unha vez o día un de maio do ano mil novecentos noventa e tres un tal José J. Rodríguez Armesto, a quen teño o gusto de descoñecer e que a día de hoxe non sei se é vivo ou morto, escribiu en Cartas al Director de El Progreso que, tanto eu coma os demais curas que daquela colaborabamos con este xornal: “Escribíamos en gallego para que no nos leyesen”.

Non pensaba escribir para este xoves por dúas razóns: Unha porque non ando aló moi ben que se diga de saúde, debido especialmente a unha alerxia producida por unha medicación e ó mesmo tempo por un aumento e un espesamento considerable de mucosidade (con perdón) moi propio dos operados de larinxe e de quen padecemos EPOC (enfermidade pulmonar oclusiva crónica) por termos fumado máis da conta e sobre todo por térmoslle metido ó corpo moita máis porquería (con perdón) da que din as autoridades oficiais sanitarias (con perdón polo de autoridades). Non é este o tema do que pensaba falar, pero aproveito para dicir que eu nunca digo que tiven cancro de gorxa por culpa do tabaco, senón por culpa de fumar, que non lles é o mesmo, saben? O tabaco é unha mínima parte do que se fuma.

Outra das razóns pra non escribir era que non se me ocorría ningún tema. Iso tamén lles pasa a moitos tertulianos da 1ª, 2ª, 3ª, 4ª, 5ª, 6ª, perifrástica e dos arredores, pero eles viven diso, meus pobres, aínda que cobren tamén por parlamentarios que non teñen que fichar. Menos mal que outros temos outros medios de vida. Algúns con-tertulios ata son pluriempregados, que os teño visto (rara vez oído ou escoitados porque se tapan uns ós outros) polas mañás en cadeas do grupo prisa, polas tardes en cadeas do grupo lento e polas noites en cadeas do grupo yenka: Izquierda, izquierda, derecha, derecha, alante, atrás…

Ás tres da tarde o mal xenio fixérame mellorar moito na saúde e ademais, xa tiña tema.

Resulta que o mércores entre as 10 a. m. e as 2, 30 p.m. estiven polo HULA. Como de costume fun moi ben atendido polo persoal: médicos, ateésos, ateésas, e demais denominacións. Polo mes de xuño do ano pasado escribira, e publicárase tamén en Galicia Dixital, un artigo no que falaba dos Anxos da garda no HULA. Hoxe mantéñome no mesmo, pero xa daquela sospeitaba eu que por riba destes anxos había algún demo maior que quería facelos bailar ó son que el toca. E, se cadra, el toca ó son das gaitas que lle meten na man outros demos maiores ca el (que a todo hai quen gañe) ou ó son do anónimo director de orquestra que cre que o seu, ademais de dirixir ós músicos é poñernos a bailar a todos. Será isto o que se chama demagoxia?.

Quizabes a ese personaxe (persoa individual ou colectiva) lle cadre mellor o apelativo de Gran Hermano, non no sentido do bodrio vomitivo de telecinco, senón no orixinario de Big Brother (en castelán: Gran Hermano, ou Hermano Mayor), protagonista invisible pero omnipresente da  novela de George Orwell .

Pois, indo ó asunto e saltando pasos intermedios. Vou confirmando, sen aínda poder poñerlle cara nin nome que por riba dos sanitarios hai algo ou alguén ou alguenes, representante, ou representantes, da Administración que esquece, ou esquecen que quen lle, ou lles, pagamos somos os administrados, e defende, ou defenden, a aquela en detrimento destes. Se algún día vexo a súa cara, ou as súas caras, con diafanidade, non dubidarei en dicilo, como na operación me depilaron a lingua …

Polo de pronto, vou ó caso de que o especialista que me atendeu, véndome os labios case a punto de rebentar, moi avultados e con considerable picor, ademais de receitarme un antiestamínico, deume volante pra alergoloxia coa cualificación de preferente, porque o causante da alerxia fora un antibiótico e convén saber cales podo tomar xa que teño que acudir a eles con frecuencia.

No mostrador, da 3ª, moi amablemente, dixéronme que non podían darme vez pra antes do mes de febreiro, pero que podía ir a Atención ó Paciente.

Armeime de paciencia pra parecer máis paciente aínda e alá fun. Despois dunha hora de paciente espera, porque en Atención ó Paciente sempre hai moita xente (eu tiña o número 150), tamén con moita afabilidade, díxoseme: Non llo podo dicir seguro pero, a ver se puidéramos chamalo pró venres da semana que ven.

Eu respondín: Moitas gracias, pero en calquera caso, presentarei unha reclamación por min mesmo que só teño media voz e por outros e outras que nunca tiveron voz diante das ventaniñas.

E nesas estamos. Esta non é aínda a denuncia. Só é o aviso que a acompañará. Pase que recorten en camas e as menciñas e que metan xenéricos en lugar de específicos, pero que metan tamén a tixeira tan desapiadadamente ó funcionamento xeral non estaba anunciado.

Quede claro que pra quen dan a cara ó público, só sigo tendo palabras de gratitude. O que poida haber de queixa, reclamación ou denuncia é contra o Gran Hermano. E, como eu non podo acceder directamente a el, porque non o coñezo, a ver se en Dirección ou Xerencia o coñecesen e lle fixesen chegar estas “bobadas de quién debe de tener bien poco que hacer para venir aquí con estas cosas”, como unha vez me dixo un moi coñecido dermatólogo tamén de Lugo que consultaba na Praza do Ferrol e na súa consulta particular tamén, con notable diferenza de amabilidade na segunda con relación á primeira ”. Se alguén mo pide podo dicir o nome, que conservo bastante boa memoria e a ese tal non lle debo nada, que xa llo teño pago por medio do SERGAS.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES