Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O inmenso Asimov

sábado, 11 de octubre de 2014
Isaac Asimov é probablemente o máis importante escritor de sci-fi ou ficción científica da Historia, o cal non é pouco dicir nun xénero no que tantos e tan grandes teñen dado á luz libros marabillosos.

O inmenso AsimovPara fortuna de todos, xa é posible ler en galego un dos seus títulos referenciais, The Caves of Steel, que o editor e tradutor Alejandro Tobar trasladou como As covas de aceiro para o selo que el mesmo dirixe: Hugin e Munin.

Négome a explicar a importancia da escrita de Asimov en eidos como os da divulgación científica ou a ciencia ficción, pois penso que polo menos algún dos seus títulos sobre o ciclo da Fundación, as series robóticas ou as obras de imperialismo galáctico deben formar parte da biblioteca de lecturas de calquera galego cun mínimo de curiosidade por este tipo de narrativa.

Direi, si, que o volume que agora traduce Tobar é o primeiro no que a figura dos robots cobra importancia dentro do vastísimo (máis de medio millar!) océano de títulos publicados por Asimov.

As covas de aceiro é unha moi interesante parábola futurista sobre as difíciles relacións civilizacionais entre humanos terráqueos e extraterráqueos, pois estes últimos axúdanse de robots e, máis avanzados e con maior benestar social, miran por riba do ombreiro aos seus parentes pobres do planeta orixe. Por tanto, nesta dirección a O inmenso Asimovnovela amósase como un relato crítico co conflito social e ofrece unha valiosa reflexión verbo do papel que unha comunidade robotizada pode chegar a crear.

Mais As covas de aceiro é tamén un singular thriller, pois mestura a ficción científica cos códigos da novela policial, nunha xeo e cronolocalización que non se ensaiara ata entón para o xénero negro, cuns resultados, cómpre recoñecelo, tan inesperados coma positivos.

Tense dito de Asimov que estilisticamente era un autor demasiado inxel. Coido que quen defende este tipo de afirmacións perde de vista que o barroquismo gratuíto non sempre produce os mellores títulos. É máis, estou convencido de que o éxito da súa narrativa reside, xustamente, na súa capacidade para a esencialización e a supresióndos ornatos irrelevantes para se concentrar no decisivo: a complexidade dos mundos creados, das tensións que neles se producen e das intrigas e misterios que se suceden e aos que ten de se dar resposta.

Os que dende pícaros medramos ao colo dos máis grandes da ciencia ficción recoñecemos a mestría de Asimov. Sabemos, sen lugar a dúbidas, que non foi gratuíto que a súa serie da Fundación fose galardoada como Premio Hugo (o Nobel da sci-fi) como a mellor literatura do xénero de calquera tempo. E somos conscientes de que títulos como O sol nu, A fin da eternidade ou, claro está, As covas de aceiro marcaron un rumbo e unha época. Que agora Tobar, a través de Hugin e Munin, nos achegue a posibilidade de gozar da lectura dalgunha destas páxinas é unha nova tan grata que non me resistín hoxe a transmitila, como tampouco quero deixar de dicir aos máis devotos de Asimov que hai no mercado unha Viaxe ao futuro e mais uns Amigos robots igualmente traducidos por Tobar. Non son Hari Seldon, e moito menos O Mulo, pero coñezo o resultado da miña recomendación.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES