Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Viño xeneroso para todos

domingo, 05 de octubre de 2014
As lecturas deste domingo casan ben coas tarefas que se están a realizar nestes días ou que remataron hai pouco na nosa terra. É o tempo fermoso de vendima. Un traballo e unha recolleita, que precisa esforzo e dedicación, pero que se fai con ilusión case festiva, porque os acios recolleitos e o viño que sairá deles servirán para alegrar o corazón e crear comensalidade e fraternidade.

Non é nada estraño que Xesús botase man moitas veces da comparanza do seu Reino co cultivo da viña ou co traballo da recolleita da uva. Á fin e ó cabo a eucaristía está construída tamén arredor do viño que se converte no mesmo Xesús que dá a súa vida por nós. A eucaristía é así verdadeiramente un banquete no que comemos e bebemos o corpo e o sangue de Cristo para dese xeito írmonos convertendo pouco a pouco no que o mesmo Cristo é. Trátase dunha divinización, a nosa, que Deus vai realizando en nós ó poñérmonos en contacto con El por medio sobre todo da Eucaristía.

Hoxe o centro do evanxeo non son, coma no domingo pasado, os traballadores en paro que o dono da viña convida a traballar nela. Os protagonistas de hoxe son dunha categoría algo superior. Non son traballadores ocasionais ou sen papeis, senón estábeis. Son os que o propietario contratou como rendeiros para coidaren día tras día a súa viña ata que el volva da longa viaxe. Levaban por isto tanto tempo no seu cargo, facendo sempre o mesmo e sen que ninguén lles pedise contas, que chegarían a pensar que a viña e o que alí ocorría era só cousa deles e para eles mesmos.

Unha vez máis, nesta parábola dirixida tamén como a do anterior domingo ós sacerdotes e ós anciáns do pobo, Xesús volve insistir en que ninguén neste mundo, por moi relixioso e bo que se crea, ten a propiedade ou a exclusiva da relixiosidade. E isto vale tanto en relación coa relixión oficial xudía do tempo de Xesús como en relación con calquera outra relixión. Tamén en relación coa nosa relixión cristiá.

O único propietario da viña, das vides ou da terra que hai nela, é Deus e mailo seu fillo Xesús, mandado polo Pai-Deus para estar con nós e para aprendernos o verdadeiro xeito de vivirmos. Sacerdotes, relixiosos, párrocos, bispos e mesmo o bispo de Roma e Sumo Pontífice non son máis ca traballadores na viña de Deus para o mundo, encargados polo tanto, a distintos niveis de responsabilidade, de coidar o mellor posíbel dunha viña que lle pertence a Deus e que el ofrece para o ben do mundo.

Por iso tamén, se no anterior domingo Xesús lles dicía ós xefes relixiosos xudeus que os por eles tan desprezados “recadadores de impostos e prostitutas” entrarían antes ca eles no Reino de Deus, algo semellante ocorre no domingo de hoxe cos contratados polo dono da viña para coidaren dela. Na medida en que se comporten como donos da viña sen selo en realidade, considerándose con dereito exclusivo para decidir quen pode ou non entrar nela, caen baixo a condena que hoxe oímos de Xesús: “A eses malvados faraos morrer de mala morte, e arrendaralles a viña a outros viñateiros”.

Cantos teñen algún cargo ou responsabilidade no seo da igrexa, é dicir, no interior das comunidades cristiás, teñen polo tanto que comportarse, segundo se adoita dicir, como “bos administradores dos bens de Deus” e non coma propietarios dunha viña que non é senón gratuíto don de Deus para todos. E os que non teñen esta responsabilidade directa, si teñen a responsabilidade e o dereito de esixiren ós “administradores” destes bens que o seu comportamento sexa como Xesús quere que sexa.

A Igrexa, a comunidade dos crentes en Xesús, atópase hoxe en día, como tamén noutros tempos aínda que doutra maneira, con dificultades e problemas de moi diversa orixe e de moi distinto xénero. Mais en calquera caso, esta viña do Señor debería abrir cada vez máis as súas portas e os seus valados para que calquera persoa poida degustar o saboroso e reconfortante dos acios e do viño que Deus regala á humanidade. A Igrexa non se pode considerar a si mesma como unha finca particular ou un coto privado nos que só poden entrar os que cren pertencer xa a ela. Neste sentido o papa Francisco dicía non hai moito no seu fermoso e ben evanxélico escrito “A alegría do evanxeo” o seguinte: “”A miúdo nos comportamos como controladores da graza e non coma facilitadores. Mais a Igrexa non é unha aduana, é a casa paterna onde hai lugar para cada un coa súa vida a costas”.

Así, pois, do mesmo xeito que Xesús foi, como se nos di no evanxeo de hoxe, “a pedra que desbotaron os canteiros, pero que agora se converteu en esquinal”, así tamén os desprezados, os pobres, os aparentemente pouco relixiosos ou indignos deberían converterse en “esquinal”, é dicir, en pedra básica e decisiva na construción desta igrexa, deste “reino de Deus”, que queremos construír e que Deus quere construír e está xa a construír con nós e entre nós.

Desta apertura da Igrexa a todos parece falarnos o propio apóstolo Paulo cando lles escribía na súa carta de hoxe ós Filipenses: “Meus irmáns, todo o que sexa verdadeiro, todo o que sexa serio, xusto, honesto, todo o que sexa estimábel, o que sexa honroso, calquera virtude ou cousa loábel que haxa, iso é o que debedes apreciar”.

Non podemos dubidar, efectivamente, de que existen moitas persoas que son, tal como di Paulo, xustas, honestas, posuidoras de virtudes e outros dons de Deus. Todos eles pertencen de feito á viña do Señor, aínda que quizais non o saiban eles ou non o saibamos nós mesmos. E temos que aprender todos a escoitalos, aprecialos e amalos.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES