Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Libre,grande e unha

lunes, 06 de octubre de 2014
Fascismos e ditaduras sempre utilizaron ó seu servizo as palabras, doces bolboretas convertidas en dardos. Recordo ben, da miña vella e longa estancia estudantil en terras xermánicas, as palabras que berrara (máis que pronunciara) Hitler pola radio cando iniciou a súa ofensiva contra Polonia, que se convertería no comezo da segunda guerra mundial. Contoumas un amigo que participou como soldado nas guerras hitlerianas. Foran as seguintes: “Seit 5 Uhr an wird zurückgeschossen”. Que queren dicir máis ou menos: Dende as 5 estamos respondendo coas nosas armas á agresión dos polacos. Con isto estáballes comunicando o ditador ós alemáns que foran os polacos os que iniciaran o ataque.

Nesa época estaba a rematar a incivil guerra civil española e estaba tamén a se formular aquilo sobre España que tantas veces oímos os máis vellos: “Una, grande y libre”. Pois ben, non se trata de facer pequena ou grande historia senón de recapacitar un chisco arredor dun tema que hoxe volve estar presente nas preocupacións dos políticos e dos cidadáns ante a diversidade de comprensión do significado deste territorio chamado España. Pois ben, coido que para que haxa nel “unidade” e “grandeza” ten que colocarse antes delas o que no lema franquista aparecía en último lugar: a “liberdade”. As liberdades individuais e colectivas, das persoas e dos colectivos ou países que neste territorio de feito existen. De modo que: “libre, grande e unha”. Nesa orde. Nin a unidade nin a grandeza poden construírse por enriba da liberdade, ese don exclusivo dos humanos que os leva a relacionarse, a formar determinadas agrupacións e países, a falaren unha mesma lingua, etc. O resultado diso son, entre nós, os países ou, se se quere, as “nacionalidades históricas” presentes no noso territorio.

O argumento ou a exaltación da unidade xeral, mentres non estea esta precedida pola liberdade (é dicir, pola libre vontade e decisión deses países ou nacionalidades) non vale ren, por moito que esa unidade sexa considerada como algo case sagrado e inviolábel por altas instancias políticas, económicas, relixiosas ou de calquera outro xénero.

Son vellos e sucesivos os intentos históricos por unificar nesta pel de touro hispánica as diversas culturas, linguas, etc. existentes nela, someténdoas ou subordinándoas de feito a unha soa, á que nun determinado momento histórico ostentaba a primacía política ou social. Mais eses intentos dificilmente chegarán definitivamente ó que pretenden, porque a violencia (sexa directa ou agachada e cortés) xerará sempre violencia e rexeitamento. Pois a liberdade é ese estraño e prezado don que os deuses esparexeron de maneira abondosa e gratuíta entre os homes e mulleres do mundo.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES