Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranzas dunha vida (29)

miércoles, 08 de octubre de 2014
Unha amiga que se foi


Chamábase Manola, e fomos amigas desde pequenas, desde que empezamos a ir á escola. A súa era unha familia máis pequena; só eran tres irmáns. Nós eramos oito e, aínda que nunca pasamos fame, á hora de vestir, si que había diferencia. Ela tiña un abrigo encarnado, cun colar
branco, de pel dun bicho con ollos de cristal. Quero dicir que nunca lle tiven envexa; eu era feliz co que tiña.

Na escola, sentabámonos na mesma mesa. Ela escribía moi ben, sen faltas, e aprendía con facilidade as leccións. A min custábame moito; só a superaba en matemáticas. Na escola, había un reloxo, que estaba nunha esquina, ao pé da mesa do mestre. A min dábame vergonza, pois non o entendía; preguntáballe a ela que hora era, escusándome de que non vía ben as agullas.

Fomos medrando e tendo máis amigas en común: Maruja de Pérez, Paca da Esfarrapa, Genoveva da Froitosa. Esta última aínda era algo parente miña. E recordo un día que comín unha tortilla na casa dela; estaba moi boa.

Manola e máis eu iamos ás festas xuntas. Ela tiña un irmán que bailaba con nós e non consentía que os rapaces nos tratasen mal. Cando xa deixamos a escola, os pais de Manola fóronse para Betanzos. Alí, traspasaron un bar. A min dábame pena que ela marchara para a cidade; pero, non lles foi ben. Os pais acabaron separándose. Os irmáns, cada un polo seu lado. Na nosa aldea, era unha familia unida, que vivía ben. Penso que, se non marcharan, seguiríano sendo.

Logo, Manola casou. Eu tamén. Perdémolo contacto, e só nos vimos dúas ou tres veces nos mellores anos das nosas vidas. Un día que coincidín co seu irmán maior nun enterro, pregunteille por ela. Sorprendinme cando me dixo que xa levaba dous anos encamada, e doume o seu enderezo. Fun vela. Cando nos encontramos, non me coñecía. Eu si, aínda que a atopara na rúa, sabería que era ela; non se me esquecera a súa cara. Botouse a chorar, e púxose moi contenta de verme. Falamos moito. Recordamos moitas cousas pasadas.

As visitas sucedéronse, e sempre me dicía: “Volve axiña”. Por aquel tempo, vivía co marido, e tiña unha filla, que era taxista, e tres netos. Foron pasando ata dez anos.
E, para empeorar a situación, un bo día, enfermou o marido. O home morreu e a filla levouna con ela. Puiden saber onde vivía e funa ver, sen saber que sería a última vez que o faría, pois non tardou moito en morrer.

Cando paso por diante da casa onde vivía Manola, vexo a cortina separada. A luz inundará a habitación das nosas conversas, onde tantos recordos saíron á luz. Imaxino que algún deles quedará aboiando no aire. Non desaparecerán todos. Eu, polo menos, recordareina como unha das miñas mellores amigas. Unha amizade que o destino interrompeu. Unha amizade que só poidemos disfrutar nos extremos das nosas vidas.
Rodríguez Cabanas, M. Francisca
Rodríguez Cabanas, M. Francisca


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES