Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O milagre da Semana de Cine de Autor de Lugo

viernes, 03 de octubre de 2014
Chega setembro e volve producirse en Lugo o milagre do pan e dos peixes. Xa saben, cuns poucos panes e uns quilos de peixe comeron cinco mil persoas e aínda sobraron varios cestos para o banco de alimentos.
Ocorre en Lugo, onde un taumaturgo silandeiro, Manuel Curiel, infectado polo virus dos soños e das imaxes inventa ás portas do outono outra Semana de Cine, e xa van trinta e seis… (36!) cos amigos do grupo Fonmiñá. Ten o mesmo mérito e a mesma incredulidade que producen nos agnósticos os milagres: encher de cine unha cidade enteira ao longo dunha semana.

Esta “36 Semana Internacional de Cine de Autor” de Lugo foi particularmente proveitosa, sete ciclos e a sección das curtametraxes. É dicir, varias ducias de películas para escoller, para perderse nesa viaxe infinita que é o cine. Son películas case imposibles de ver nos circuítos comerciais, onde as grandes produccións e os efectos especiais son terreo vedado onde dificilmente entran as historias feramente humanas como ‘El Rayo’, ‘Gloria’ ou ‘La segunda mujer’, da Sección Oficial. Ou ‘La caza’, ‘César debe morir’ ou a delicada e emocionante ‘Una familia de Tokio’. Son uns poucos exemplos, que os gustos son así de variados e variables e ver todo resulta imposible. E a carón das películas, as homenaxes, desta volta Pedro Olea, un grande, as actuacións teatrais do grupo Achádego e a presentación do libro sobre Manuel Lourenzo, de Curiel.

Cómpre salientar desta volta o documental ‘Miranda, mítica e real’, realizado por alumnos da Escola de Imaxe e Son baixo a dirección dunha luguesa de talento e de Riotorto, Vanessa Gómez Lourido e que foi seleccionada para os premios PrimeirOlhar 2013 de Viana (Portugal). Ou a impagable aportación pedagóxica do Ciclo Infantil, na asignatura imprescindible que é amar o cine educando aos nenos na lectura de imaxes e na andaina enriquecedora da penumbra das pantallas.

Esta Semana foi unha gran semana, seguramente a mellor, un fermoso milagre que como cada ano abre a voz inmorrente de Xulio Xiz. Despois duns días de repouso, cando imaxes e palabras van esmorecendo, hai unha débeda impagable cos organizadores, con Manuel Curiel, que ‘perpetra’ cada ano unha Semana de Cine cos mesmos cartos que costan as flores e as alfombras dos grandes festivais. Aínda que sempre é máis doado escribir con ácido que con tinta, cómpre falar ben dos nosos, louvar aos vivos que os mortos non van ao cine nin precisan milagres.
Aquí fanse milagres cos poucos euros que as administracións dedican a esa cousa ‘perigosa e prescindible’ que é a cultura, sobre todo cando o cine é a realidade do espello que mostra o peor, o mellor de nós mesmos. Como este agasallo de ‘36 Semana Internacional de Cine de Autor’ de Lugo.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES