Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Calle* da Zapatería

viernes, 03 de octubre de 2014
*Aínda que a normativa lle chame rúa á Zapatería é, na fala do pobo, calle. Cousas do castrapo da nosa Vila. Son peculiaridades do Viveiro, por outra banda, vila tan galega coma a que máis.


Cando me deixo levar pola morriña e recordo a miña nenez na Zapatería, ise berce onde acougaban as anduriñas de Bécquer baixo as galerías brancas das nosas casas, vexo na néboa dos meus recordos ise niño de outros nenos, que nos críamos en tempos de famenta necesidade, compartindo xogos, alegrías e penas. Tempos onde a choiva cantaba isa triste canción do despertador: “Sabino, pró mar “. E o reloxo da vida cotidián erguía a unhas familias humildes, sinxelas, traballadoras e xenerosas para vivir un día máis. Un tic tac monocorde de estacions que nos levaban na nosa infancia desde o aliloveo - castrapismo-, xogo de esconderse, ata, para estrear o vrau, o lume de San Xoan, na Feira.

E así pasando polo che, as bolas, os piós, as catro esquinas, a caza dos morcegos para que istes aprenderan a fumar, as procesións e os seus preparativos e, non podía se doutra maneira, o fútbol, hoxe ise deus dos cartos e daquela xogo con balóns feitos de periódicos amarrados. Nenos que nos críamos naquel Viveiro de barrios: A Feira, Santa María, Luis (Es) Trelles, A Ribeira, A Plaza e, xa amáis alonxados, Campo de Verdes, Pénjamo, A Misericordia, Xunqueira…

A Zapatería tiña o olor enxebre do seu nome. Alí ubicábanse, en portais, as tendas de amaña-los zapatos de Manolo Barreira e Enrique do Vizoso; máis recentes no tempo a de Mario do botiquín ou da Rebola e o último Chente do Laracho. Era lar de mariñeiros coma o citado Sabino ou o Boto; había carpinteiros coma Benigno Soto, Salustio ou o meu abó Xesús de Villegas.

Aqueles homes sabían o oficio e proba delo é que aínda hoxe se gardan como ouro en pano mobles de castaño feitos por iles. A Zapatería era o pano da tenrura nas mans de Adelaida, a quen nomeo coma símbolo de outras Canquinquias, María de la O… Alí aínda se conserva a imprenta de Neira, onde se ven publicando o Heraldo desde fai moitísimos anos e no que levamos vertido moitas das nosas inquedanzas como contribución a un Pobo, o noso, o que por riba de todo amamos sen fin. Tamén estaba a pastelería de Brochs, onde se comían os mellores “negritos” do mundo. Había tendas de comestibles que tamén eran taberna ou lamboadas. ¡Cántas motas gastei nas fabolas da Vilacampa!. Tamén había as reloxerías de Luciano Paleo, Xuxo Díaz, Tinito e os de Ladra. O olor da tintorería de meu pai fundíase co do pan recente da panadería de a Xaral, hoxe de Benigno. Na parte de abaixo estaba a de Gerardo, hoxe do seu fillo Xavier, o simpático e parrandeiro Canea. Na Porta da Vila estaba a taberna de Rosendo que nos anos da marcha da Zapatería era a máis famosa. Foi patria de viño peleón, mistela, calimochos e algún que outro porrete nos finais do setenta. Houbo un tempo onde a Zapatería convirteuse na zoa dos viños de Viveiro e había bares novos: a Pulpería, o Seara, o Normandí, o de Arturo, o Seis Vigas, O Anduriña, -o de Enfrente-durou pouco-, o Bodegas, o Cabozo, o Tropezón, o “Alcampo” alcumado así, con retranca, por ser só un portal onde un vello paragueiro tiña a “oficina” e que logo foi barbería de Xeniña. O Celta tan entrañable pra mín coma o de Rosendo, e no que a señora Concha nos servía unos viños antes de comer.

Na Zapatería viviron persoaxes, hoxe anxos, que si ben non destacaron por nada especial, eran, non embargantes, creativos coma Pepe da Lázara, autor da súa emblemática estrofa (Ni la Rambla de las Flores, ni tampoco la Gran Vía…para calle de salero...¡Viva la Zapatería!); o Paraventos, xenial “embaixador de Viveiro no Paris da bohemia; Quico dos muebles, emigrado a Brasil, e que se sentaba enriba dunha boa cando ía buscar madeira na selva brasileira; ou aquel outro,cuio nome non recordo, que descubreu estando por Sudamérica que o mellor café do mundo facíase no bar Galicia de Viveiro. Eran homes e mulleres moi peculiares que tanto construían unha casa como tallaban unha mesa de castaño sen darse ningunha importancia.

Os nenos íamos a escola ó grupo escolar e despois xogábamos a canto houbera e sentiamonos xunguidos polo sincero e fraternal afecto da convivencia de veciños.

Se algúnha calle é solidaria, a Zapatería é aínda hoxe, case antesala do ceo, ise feixe de ternura que nos acolle cuns ollos de ledicia, ese bico fondoso que vive no corazón, esa solidaria amistade nas que nos xuntamos moitos dos seus fillos espallados polo mundo, ese sincero sorriso dos nosos encontros, isas pedras que nos fan chorar e soñar, ises recordos nostálxicos daquelas nosas mais velliñas sempre esperando o retorno dos fillos victimas da emigración e do abandono secular dunha Terra que Deus fixo para namorarse.

Deixa, berce noso, que brindemos por Ti, e veña, señores, a bailar e racha-los zapatos con alegría.
Timiraos, Ricardo
Timiraos, Ricardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES