Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mini e Mero, A Quenlla e outras seitas

jueves, 02 de octubre de 2014
Non sei se será unha mala apreciación miña, pero teño a sensación de que agora que a familia está tan en crise, -non si se máis ou menos ca noutra épocas- chámaselle familia a calquera cousa, poñamos por caso: “La gran familia socialista”, ou para que non me berre moito algún socialista que aínda non caeu na conta de que non ten familia: “La gran familia de la Iglesia”. na que tamén hai moitos que farisaicamente entrecollemos con moita minucia ós nosos parentes.

E dito isto, ouso dicir cos debidas reservas que o domingo 21 de setembro xutámonos, pola mañá no Pedregal de Irimia, -indiscutible nacemento do Miño segundo o sabio profesor Río Barja e outros eruditos- , e pola tarde en Meira, un considerable números de irmáns de Mini e Mero, da Quenlla e do orixinario Fuxan os Ventos. En Mini e Mero quixemos honrar a estas dúas agrupacións das que eles foron e son alma, vida e corazón, pero tamén a toda unha traxectoria.

Ó mesmo tempo, -non todo é altruísmo-, sentímonos honrados pola súa amizade e “parentela” e moi agradecidos á Irmandade –non á Fundación, que iso é outra cousa- Manuel María e a Xermolos por facilitárnolo.

Unhas das razóns pola que a xuntanza comezou no Pedregal de Irimia foi porque, se a información non me falla, -que a memoria ben sei que me falla-, o ano 1978 celebrou alí a primeira chamada “Romaxe de crentes galegos”. Alí estiveron xa daquela Mini e Mero cos Fuxan cantando: “Hoxe proclamo o meu credo. Quero ser un home novo, porque eu renazo galego”. Alí estivemos: o principal impulsor, Chao Rego e, con el, outros implicados no evento: este servidor; Victorino Pérez; creo que Gandoy; o daquela cura de Meira, José Sanfiz, que foi quen máis se xogou o tipo fronte ó que entón era bispo de Lugo, Monseñor Ona, e os seus seguros servidores; Ramón Díaz Raña, no papel de frade do vello Císter; Helena Villar, no da meiga Galicia; e un etcétera tan longo cama varios milleiros de persoas chegadas de toda a xeografía galega .

Quen non estiveron foron algúns periodistas que escribiron de oído –sen partitura- ou por telepatía e fixeron crónicas furibundas contra a nova seita; por exemplo: o malfadado Gerino, e eclesiásticos, -clérigos ou non-, que arremeteron contra o “rebautizo” que alí se facía sen entender que non era máis ca un símbolo de coherencia coa Encarnación e co Evanxeo nun esforzo por enculturar a fe sen exclusivismos. A especie de histeria que daquela se apoderou duns poucos era froito tan só dos seus delirios de “veterocatólicos” ou de desleigados. Para o seu acougo convén que saiban, coa perspectiva que dá o paso do tempo, que, como aquel “rebautizo” non imprimía carácter, algúns rebautizados tomárono tan a cachondeo como toman o sacramento que o imprime e nunca militaron nas filas da galeguidade nin nas dun comprometido amor ó próximo, sobre todo se osmaban que lle podía parecer mal ó partido político seu temporal dono e señor mentres non atopasen outro mellor.

Por exemplo, un dos que non estivo na romaxe de Irimia foi don Federico a quen lle parecía moi mal que o cura de Castro de Rei aplicase a interpretacións politiqueiras algo do pouco que sabía sobre vacas teixas do país ou de pintas de importación.

E falando de vacas, está visto que á menor volta bótome do rego.
Pois, tratando de volver a el, tamén quería dicir que non falta quen cualifique de familia as seitas e, entendendo o de seita máis como proveniente de “sector” ou parte dun conxunto, ca de acérrimo “seguidor” ou fanático discípulo de iluminados mestres, o Mero e Mini, Mini e Mero -que de tanto que os coñezo xa non os distingo- son equilibrados líderes dunha seita –ou será dunha familia?- á que eu tamén quixera pertencer: a dos que non nos conformamos coas voltas que nos dan e seguimos reclamando o cambio que nos corresponde e nos prometeron.

O maxistral e cordial condutor dos actos, David Otero, outro membro da familia, concedeume a palabra a pesares de andar eu coa voz expropiada e puiden dicir algo no que me reafirmo: “Entendo que se Mini e Mero seguen na loita é porque renunciaron a facérense ricos en cartos, aínda que o sexan en afectos e quilómetros, así non caen na tentación de apoltronárense nin de pasárense a conservadores a ultranza. Os non ricos, –en cartos ou prebendas-, pouco teñen que conservar nin que perder e, polo mesmo, sempre poden seguir aspirando a algo novo.

Se podo hei seguir pertencendo a esa seita e se me admiten tamén quero formar parte desa familia, máxime cando un dos pais da criatura é o cura Xesús Mato, meu “tío” e medio “padriño”. Por se alguén non o sabía, o cura Mato non gardou ó seu tempo o celibato e é pai de familia numerosa. Un dos seus fillos foi Fuxan os ventos e, con Fuxan, Mini e Mero e por extensión a Quenlla e Auxilia e... vaia vostede a saber! Que sei eu cantas criaturas coma estas terá estradas polo mundo! En boa hora tamén a el neste cumpreanos da Quenlla e a todos os sobriños, primos e demais familia. Por moito anos máis!
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES