Puxen rumbo a Meira, aló no norte da provincia de Lugo, onde ía a ter lugar unha homenaxe ao grupo A Quenlla salvagarda da música popular galega na que levan traballando trinta anos. O recoñecemento era extensible a Mini e Mero que, por dicilo dalgún xeito, forman a alma mater do grupo. Noutrora Mini e Mero foron Fuxan os Ventos, un referente tamén nos albores da década dos setenta, grupo do que saíron ao non coincidir nos criterios e os camiños polos que a súa música tiña que transcorrer e que eles consideraban básicos e innegociables. E xorde A Quenlla, garante desa música sen aditivos, de fondas raíces, incardinada na pureza que emana do pobo, respectando as formas, a sinxeleza e os conceptos harmónicos. E nesas están.

O primeiro que me preguntei foi por que en Meira, onde nace o Miño, o río galego por excelencia, o que da vida á Matria. Dixéronme que porque alí tivera lugar a primeira romaxe na que o grupo A Quenlla se presentara, e axiña entendín por que alí e non en Lugo, en Monforte, Vilalba ou Mondoñedo. Meira é un pobo acolledor que ten unha igrexa románica, Santa María (século XII) que formou parte dun mosteiro cisterciense, e un pazo municipal que foi parte dese mosteiro. Na praza enmarcada por eses dous monumentos significativos reunímonos un grupo de amigos que, dunha ou doutra maneira, compartimos andainas con Mini e con Mero, xente que foi pasando polo escenario para dicir o que sentían e o que significan os dous para a música tradicional galega na que hoxe quizais sexa A Quenlla o grupo máis representativo. Foi un acto sinxelo, popular e moi emotivo no que, dito sexa de paso, eu esperaba escoitar a A Quenlla en concerto, pero do ceo de Meira comezaron a caer gotas de chuvia cando o serán entregábase á noite e apenas houbo tempo de cantar todos xuntos Irmán, tema emblemático do grupo e non houbo outra que poñer punto e final.
A Mini e a Mero nunca importoulles a fama, o estar na crista da onda e xa que logo tanto lles ten cantar baixo un carballo coma nun cómodo auditorio. Eu case atrévome a considerar que están mais ledos baixo dun carballo rodeados da xente que eles aman e que está aí para escoitar cousas de seu sen máis aditamentos, pero tamén son dos que penso que a música de A Quenlla ten que dar un salto cualitativo dende o campo da feira a outros foros sen deixar, iso si, a pureza intrínseca que a caracteriza. A cultura Galega está en débeda con estes homes cuxa inxente labor de pescuda de música e textos proporciona un legado inmenso, un fondo musical sen parangón, unha música que é preciso que coñeza todo o mundo; e para iso sería necesario que os medios de difusión galegos (que de galegos só teñen o nome) fixeran o seu labor, o que realmente deberían ter encomendado: dar difusión a esa herdanza musical que nos pertence a todos.
En Meira tiven a oportunidade de volver a ver a compañeiros músicos, cantautores, poetas e escritores que non vía dende ai tempo, pero sobre todo compartir unhas horas con Mini e con Mero e un anaquiño de escenario, cando unha chuvia tímida pero pertinaz quixo tamén participar con certo perigo para os que estaban aí enriba rodeados de cables e enchufes. Tiven ocasión de comprobar ata que punto son queridos e tamén de agradecerlles que incluíran no seu novo disco unha canción miña: A Emigración baseada nun poema de Curros, e o que fixeron, e están a facer, a prol da música tradicional galega. Eles seguirán fieis aos seus principios por moitas primaveras máis. Abofé.