Os que temos algo que ver cos Vilares e polo tanto co grande poeta nado nesta parroquia, Xosé María Díaz Castro temos moito que agradecer ao profesor Armando Requeixo.
Este mindoniense apaixoado da literatura, un home inquedo e vitalista, entregouse á difusión da obra de Díaz Castro sin reservas neste ano 2014

tanto pola dedicatoria das letras galegas como polo centenario do seu nacemento, pero anda xa a programar sin descanso no 2015 o 25 aniversario do seu pasamento.
Os Vilares, Guitiriz e a Terra Chá debemos agradecer tal exceso de traballo positivo, de divulgación dos nosos literatos e a maiores a personalidade afable, alegre e decidida deste estudioso.
Este ano 2014 foi para min especial entre outras moitas cousas polos moitos actos diazcastrianos, pero tamén polas numerosas persoas interesantes que teño coñecido, anónimos e máis famosos, pero dar con persoas como Xulio Xiz ou Armando Requeixo entre outros, anima a defender o propio, o próximo no sentido máis universal das cousas.
Esa herba pequerrechiña que decía Díaz Castro e que así denomina Pastora Veres aos Vilares na introdución do seu libro, é ademáis dos seus nativos, daqueles que queren ser, e son de feito vilaregos polo que aportan á parroquia, ao país e ao mundo desde o máis humilde. Armando pois, é mindoniense e vilarego.