Amando a Nora e Nora Amando
Otero Canto, Xosé - martes, 30 de septiembre de 2014
(Lido polo Autor nas vodas de Ouro de Nora Real e Amando Losada
o día 26 de setembro na Casa Grande de Nadela)
Quen sodes vós senón un, tan só un, non dous; semellades dous, e . . . porén, mirade Amando a Nora é un ou dous?, e Nora Amando é o mesmo?, son dous?, ou é unha?, neste xogo de palabras, quiasmo ou oxímoron de amor sodes o mesmo, o espello onde se reflicte a unicidade, o espello onde a paixón do vivir se desdobra, mais ao mirarse nel vese un, e ese un é o voso amor perdurábel.
Sodes dúas flores na roseira da vida, dúas hedras rubindo pola árbore da existencia, enrodelándose no toro da vida, prezándose e queréndose en arrolos de apertas e bicos consentidos.
Coñecéstesvos hai 50 anos, cando nunha primavera do 64 chegaron as andoriñas, e fixástesvos nelas, e coma elas fixestes o voso niño debaixo dos balcóns da constancia, coa lama temperada do amor e as herbas e os garabulliños da esperanza; por iso, ese niño é duradeiro, e aínda que reciba o vento nordés ou a choiva a cachón das treboadas, ese niño non cae, mantense coa forza da perseveranza, sabendo das dificultades e das alegrías, porque vosoutros tedes a forza que vén do arcano, investida pola sabedoría, coñecedes o murmurio do vento que empuxa as vosas vidas que se acenden co seu sopro coma deuses vitoriosos e as palabras aínda non están gastadas porque rebuscades os tesouros dos seus contidos, as melodías suaves da poesía chea de recordos nos versos espidos de melancolía, mais cheos de amor e de ilusións, que xiran ao redor dos satélites e dos planetas polo voso corazón cosmopolita, polas vosas raíces enleadas á vida e escribides hoxe no 79 pasamento de Carlos Gardel un novo tango onde 50 anos non son nada.
Sabemos do voso desexo de percorrer o mundo tamén como as andoriñas, por iso o grupo dos Francachelas querémosvos agasallar cunha viaxe e ao mesmo tempo desexarvos que Eros o deus do amor e o seu axudante Cupido, prosigan polo camiño da sabedoría simbolizada por Atenea para que o voso matrimonio onde está instalado o amor siga deleitándonos co acordeón que Orfeo encarnado en Nora sabe tañer diante de nós, cativándonos cos seus acordes e a barítona voz de Amando, sempre Amando, Amando a Nora e Nora Amando
Moitas Grazas. Foi un pracer.
Xosé Otero Canto.

Otero Canto, Xosé
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora