Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O que non che contaron de Monforte

miércoles, 01 de octubre de 2014
Sempre digo que o día 8 de setembro, día nacional de Manuel María, me deparan agasallos moi especiais, empezando pola Fraternidade que nos congrega para xantar e recorrer a Terra Chá na poética que a caracteriza e a eterniza. Desta volta, houbo encontros moi especiais como o xa relatado coa familia de Suso en torno á memoria da súa figura ou o reencontro co poeta e cantor monfortino Antón Valcarce que tivo a ben agasallarme cun libro onde a través de catro historias fabula sobre o seu pobo e a súa comarca.

Baixo o título que reflicte o presente artigo, Antón percorre o seu pobo a través de ficcións que nos trasladan a un mundo de misterio e humor. Todo empeza no barrio de Carude onde quen escribe tivo a sorte de vivir un ano marabilloso, podendo dar fe da boa xente que o habita. A ficción de Antón é doado de imaxinar na propia estrutura do barrio que ten como centro a Capela de San Lázaro.

Pero Monforte é, sobre todo, o berce do camiño de ferro en Galicia, terra de ferroviarios que dedicaron a súa vida a comunicar e a unir xentes a través dos camiños de ferro. Isto sírvelle a Antón para ofrecernos unha bonita historia chea de picarescas que, por outra parte, deron lugar a multitude de contos populares. O autor tamén recorre aos contos de misterio para relatarnos como unha pantasma atemoriza a dúas mulleres de Ramberde.

Antón domina á perfección a literatura oral que bebeu do seu pobo e tira de memoria e tamén de imaxinación para contarnos catro historias con sabor a Monforte, a súa xente e o seu xeito de ser. Un sabor intenso que acende a chama da memoria dun pobo que loita por volver a amencer e situarse no centro da historia do seu propio país, un centro que lle pertence por dignidade e por toda a loita que, día a día, libra por seguir adiante.

Estas catro historias amósannos a sensibilidade dun home que aloumiña ao seu pobo sentíndose parte do mesmo e valorando cada recuncho onde tantas vidas transcorreron. Antón, como moi ben di Manola Porto, sabe reflectir como ninguén ese salto que dá Monforte do rural ao urbano, un salto que hoxe fai del un pobo cunha identidade moi especial. Monforte pode ser un pobo con sabor a cidade e, ao mesmo tempo, unha cidade con sabor a pobo. Isto fai que as súas xentes teñan un xeito especial de ser; quen vivira en Monforte ben seguro que palpou esta feitura especial da súa xente e, polo tanto, saberá que historias solidarias como a do ferroviario, que lle tira café a un neno poderían ser certas onte, hoxe e mañá. Polo tanto, Antón descarga a súa fantasía no carácter do seu pobo e constrúe historias que ben podían ter sucedido.

O que non che contaron de Monforte é unha forma de regresar a Monforte e percorrer o seus barrios máis destacados e o seu rural para lembrar como un pobo se foi construíndo, pouco a pouco. Trátase dun pobo que se fixo a si mesmo e que resiste aos golpes moitas veces crueis da historia pero Monforte segue ergueito como o Castelo de San Vicente que olla ao fermoso val. Antón Valcarce retrata o seu pobo, quizais para lembrar que é portador de grandes historias e de grandes ilusións e que foi capaz de atravesar o deserto e de sucar mares tempestuosos e, polo tanto, sabemos que sempre o teremos ergueito e disposto para acoller as fantasías máis fermosas xurdidas como aloumiños do seus propios fillos.

VALCARCE, A. (2013): O que non che contaron de Monforte.
Agrasar Editores, Lugo.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES