Veño observando nos últimos tempos o destino de cartos de moitas das asociacións de montes en man común de Galiza. Non inclúo a todas porque sei dalgunha que traballa con criterio reinvestindo cartos concriterio e xenerando aínda máis riqueza no monte e nas parroquias nas que se atopan, pero noutras o destino dos beneficios resulta máis que cuestionable.

Cartos da explotación da madeira, de parques eólicos, etc. que van destinados á contratación de orquestas para festas parroquiais e churrasco ou caprichos de directivos de turno con fondos xenerados por montes comunais.
Descoñezo si existe algunha normativa que regule o destino destes cartos por parte da administración, pero de existir, resulta nefasta e mesmo inutil vendo o que hai.
Entendo que tendo no rural o patrimonio abandonado, comido polas silveiras e os toxos, os camiños intransitables e mesmo carentes de servizos sociais e educativos básicos, gastar estes cartos en verbenas e papatorias non é o máis acaído.
Sí que é xustificable o apoio a festas ou romerías de caracter cultural e etnográfico, cursos, promoción do patrimonio e investimentos na investigación e mellora do monte, pero financiar á Panorama, Olimpus, París de Noia e enchentas de churrasco e chourizo para centos de persoas non o vexo xustificado.
Cando estamos a ver dispendios politicos, corrupción, mal goberno do pùblico, o sentido común debe prevalecer por riba de calquer norma ou sin ela e nesto, tamén. O monte non é só de quén o posue ou xestiona directamente, o monte é de todos e polo tanto o seu uso e beneficios deben ser empregados con responsabilidade.