Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As feridas da beleza

martes, 30 de septiembre de 2014
O poeta Xosé Mª Díaz Castro apreciou a beleza do mundo rural na súa natureza e nos seus homes, e así a deixou plasmada en todos os seus poemas. Pero ademais agasallounos cuns versos nos que explicitamente expresa a súa experiencia coma unha profunda ferida impresa na súa alma, coma a ferida dunha espada.

No apartado das feridas, no seu libro NIMBOS, o poeta vilarego sintetiza as súas relacións coa beleza da natureza e do mundo en xeral que o feriron COMA UNHA ESPADA: "Tódolos ríos pasan pola miña / alma, cheos de Deus, música e lapas. / Tódalas pombas fan o meu amor. / A beleza fireume para sempre". Esa beleza encontrouna por primeira vez nas terras, nos ríos, nos humedais, nas fragas de Parga, nas chairas onduladas dos Vilares e do Buriz.

O poeta fai un esforzo de introspección e dinos que "Ó traveso da escura teadaraña / deste mundo unha estrela cai no río / da miña vida e quédame chamando. / A beleza feriume para sempre. // En cada voz eu oio unha chamada / cun longo eco de adeus que non entendo, / pro que me fire coma unha espada ardendo. / A beleza feriume para sempre".

O tempo vai pasando, pero as feridas do poeta persisten: " E as falopas dos anos van caendo / sobre a sede inmortal e os ollos tristes, / ¡pro non enterran a boca da ferida! /A beleza feriume para sempre". Nos poemas en que relata algunhas feridas causadas pola beleza, o vate dos Vilares resume as experiencias especiais que xorden na vida en determinados momentos cruciais e decisivos.

Ademais desta experiencia de beleza universal, fitando á realidade concreta desde outra perspectiva máis crítica e dura, ¿non ollou o poeta, non experimentou as feridas sociais da pobreza dos que pedían polas portas, dos caseteiros ó xornal, dos emigrantes fracasados, da morte prematura que axexaba a nenos e maiores? Nalgúns poemas de Díaz Castro hai rastros de eses problemas, mais penso que o poeta moveuse noutro plano superior e universal no que, despois de todo, encontrou unha determinada harmonía entre unha natureza dura, cargada de fríos, néboas e xeadas, e unha poboación campesiña con bravura e solidariedade para lograr sobrevivir. E desde a súa atalaia e sensibilidade de poeta, cunha herdanza romántica e relixiosa, esas intemperies e particularidades quedaron asumidas nunha superior visión de conxunto.

As dúas caras desas terras de Parga e Guitiriz existiron, ademais bastante marcadas. A exuberancia da beleza natural existía nos anos da vida do poeta, aínda que as condicións climáticas eran bastante adversas para unha economía de policultivo de subsistencia. As relacións sociais eran habitualmente pacíficas e as tensións illadas das comunidades campesiñas, individuais ou colectivas, non pasaban a maiores. Nos anos de 1950 no concello de Guitiriz aínda estaban oficialmente censados máis de 50 "pobres de solemnidade". Se fitamos máis para atrás no tempo do século XX, posiblemente a situación foi peor, e con atencións asistenciais moi precarias ou inexistentes. É de supoñer que ese escenario era semellante na maior parte da Galicia rural.

As belezas naturais e sociais daquela sociedade tradicional, percibidas por aquela xeración de poetas da primeira metade do século XX, transformáronse en luces e sombras dun lusquefusque de atardecer e noutro de amencer. E as novas xeracións de poetas galegos e chairegos recibiron esa herdanza asimilando algúns deses valores e reconsiderando outros. Na introspección das novas xeracións de poetas tamén aparecen hoxe as feridas do deterioro ambiental e da fealdade social. Na natureza e na sociedade rural galega xa ocorreron e seguen dándose grandes cambios cualitativos, dos que aínda descoñecemos o seu rumbo definitivo. Sen dúbida que teñen e terán os seus cantores e detractores. O que nos importa de verdade é que a literatura logre intuír e definir o contido esencial desta nova situación. Aínda é posible e desexable que unha nova beleza integral poida ferir ás novas xeracións.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES