Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cura de humildade para fachendosos

domingo, 28 de septiembre de 2014
Mateo segue a falarnos hoxe da comparanza que fai Xesús do seu “reino” cunha viña e do seu convite a todos a traballarmos nela. A vantaxe deste tipo de comparacións é que así podemos entender mellor a mensaxe que se nos quere anunciar. E se a comparación ten que ver coa natureza, coa vida vexetal que nos rodea, tanto mellor, pois na nosa fermosa Galicia conservamos aínda moito de árbores e de videiras por moito que lles pese a incendiarios e irresponsables. Este ano parece ademais que temos en Galicia unha boa colleita de uva de boa calidade. Algo diso sabemos, pois: do recoller a uva, do facer o viño e tamén de probalo e de bebelo (e a ser posíbel con moderación).

O reino que anuncia Xesús está aí xustamente, coma o viño, para producir alegría, comensalidade e fraternidade. Foron moitas as veces que el comparou o seu reino, o presente e mailo futuro, cun gran banquete onde xente das máis diversas razas e culturas comparte ou compartirá a alegría de ser fillos de Deus. Algo así como nun xantar de voda onde todos nos atopamos a gusto con coñecidos, amigos e parentes.

Pero, claro, para poder ter esa festa do viño e da fraternidade é preciso traballar antes na viña. Esa viña que é o mundo no que nos atopamos todos e no que nos relacionamos os uns cos outros. Deus chámanos e convídanos a traballar con el e cos demais no cultivo, na maduración e na recolleita deses acios dos que logo se vai facer o viño da alegría e do contento. Somos todos privilexiados colaboradores de Deus nunha tarefa que el quixo que proceda tamén da nosa liberdade e do noso esforzo persoal e comunitario.

E, tal como nos recorda o evanxeo de hoxe, o que conta en todo isto non son as palabras ou as promesas que o vento pode doadamente levar consigo a pouco de seren pronunciadas. “Vou, Señor”, pero logo non foi... O que conta son as obras, os feitos , por aquilo que ben sabemos de que “obras son amores e non boas razóns”.

Aqueles ós que Xesús dirixe esta parábola son, segundo refire Mateo, “os sumos sacerdotes e os anciáns do pobo”. É dicir, os mestres da lei, da palabra escrita ou transmitida de viva voz de xeración en xeración na cultura e relixión xudía do seu tempo. Eran os que tiñan o privilexio da palabra, pero non necesariamente o das boas obras. Facede, dicía Xesús noutro contexto, todo o que eles vos din, pero non fagades conforme ás súas obras. Consello que debería valer, dito sexa de paso, tamén para vós, pois é ben posíbel que as belas ou boas palabras que nos atrevemos a dirixirvos non vaian en nós suficientemente acompañadas, como debería ser, das boas obras.

Este privilexio da palabra levou ós sumos sacerdotes e ós anciáns dirixentes xudeus a considerárense a si mesmos como superiores ós demais. Fachendeaban de seren os verdadeiros depositarios e portadores da verdade, do bo comportamento e da xustiza. Eran sen dúbida superiores ós demais no que se refire á súa posición social, á súa relación cos poderosos e adiñeirados. Mais, a fin de contas, eran eles verdadeiramente superiores ós demais? Máis concretamente, posuían eles realmente unha categoría ética ou relixiosa máis elevada cá dos oficialmente “pecadores” ou socialmente mal mirados?

É ben seguro que estes “sumos sacerdotes e anciáns do pobo” deberon de recibir un atordante machadazo cando Xesús lles espetou sen máis contemplacións: “Asegúrovos que os recadadores e mailas prostitutas entrarán no Reino de Deus antes ca vós”.

Como vedes, Xesús no parece levarse nada ben con cantos fachendean de si mesmos, da súa virtude ou da súa bondade moral. Tal como dicía el mesmo noutra ocasión: “Bo, o que se di bo, non hai máis ca un: Deus”. Os demais, todos, somos –no mellor dos casos- aprendices, máis ou menos consecuentes, da única bondade, que é a de Deus. E todo isto, ademais, grazas á súa graza e amor.

E resulta, ademais, que esta bondade, a de Deus, é xustamente boa, porque é unha bondade pola que el, Deus, se comunica, se dá ós demais, en Xesús. Por iso, e con moi boa lóxica, a liturxia de hoxe ponnos á nosa consideración o texto do evanxeo de hoxe facéndolle preceder un célebre texto da carta de Paulo ós Filipenses.

Neste texto dános azos Paulo para termos “sentimentos de agarimo e misericordia” os uns cos outros. Recoméndanos tamén non procedermos con “fachenda”, “pensando humildemente –segue el a dicir- que os outros son más ca un”. Mais para min o máis importante ou decisivo é a razón pola que Paulo nos exhorta a iso. Unha razón ou xustificación que explicaría tamén por que Xesús formulou palabras tan fortes contra a fachenda dos “sumos sacerdotes” e os seus compañeiros.

A razón está precisamente en que o Deus que se nos manifesta en Xesús é un Deus que non “fachendea” de ser Deus (e ben que podería facelo!, digo eu), senón que é un Deus que se rebaixou libremente a si mesmo en Xesús ata o nivel máis baixo da nosa propia humanidade. Paga a pena volver ler o texto paulino da Segunda Lectura: “El [é dicir, “Cristo Xesús”], con ser de condición divina, non se agarrou con cobiza ó seu ser igual a Deus; senón que se espiu do seu rango e asumiu a condición de escravo, feito en todo semellante ós homes. Presentándose coma un home calquera, abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte, e á morte na cruz”.

Por iso a vida e mailo comportamento de Xesús na concreta sociedade do seu tempo, na que el se manifestou coma “un home calquera”, son a verdadeira condena do autocompracente comportamento dos mestres da lei.

E, claro, é xustamente ese rebaixamento de Xesús, do que nos fala Paulo, o que fará que o Pai-Deus, e tamén Pai noso, o vaia despois “exaltar sobre todo”, tal como nos di tamén Paulo.

Se queremos, polo tanto, en canto cristiáns e seguidores de Xesús, sermos grandes (e deberiámolo desexar de verdade!), xa sabemos cal ha ser a nosa folla de rota para acadar tal grandeza. O camiño é, como o de Xesús, o do noso “rebaixamento” no servizo e amor a cantas persoas nos toque en sorte atopar na vida.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES