Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Eleccións sen boom económico

sábado, 27 de septiembre de 2014
Diversas firmas cualificadoras acaban de anunciar que América Latina crecerá globalmente un 2% para 2014, confirmando a paulatina caída do crecemento hemisférico tras unha década de boom económico, traducido en índices de crecemento estimados entre 5 e 7%. Só os países membro da Alianza do Pacífico (México, Colombia, Perú e Chile) rexistrarán índices de crecemento económico entre 3 e 4% para 2014 e 2015, toda vez a recesión en Brasil e os problemas financeiros e de inflación en Arxentina e Venezuela complican o panorama hemisférico. Pola súa banda, a Comisión Económica para América Latina (CEPAL) cifrou nun 2,7% estas expectativas de crecemento hemisférico.

O clima destes anuncios ven predeterminado pola evolución dun intenso ciclo electoral en 2014 así como das influencias que este contexto terá na evolución dos modelos de desenvolvemento e de integración hemisféricos. O próximo 5 de outubro, un Brasil sumido na recesión tras unha década de impresionante boom económico celebrará comicios presidenciais, onde a mandataria Dilma Rousseff afronta un duro e complexo panorama político e electoral, presionada pola emerxencia dun novo actor cidadá contestatario e das acusacións de presunta corrupción no entorno de poder.

Sen desestimar os diversos matices, estará en xogo a xestión dun Partido dos Traballadores (PT) gobernante desde 2003 e que, adoptando unha política macroeconómica visiblemente pragmática, logrou dedicar importantes investimentos na área social, permitindo a 30 millóns de brasileiros saír do limiar da pobreza. Nesa mesma década de goberno do PT, uns 75 millóns de latinoamericanos lograron saír da pobreza.

O próximo 12 de outubro, Bolivia realizará eleccións presidenciais, onde o favoritismo do presidente Evo Morales anuncia un ciclo histórico para o país andino. Morales, no poder desde 2005 e con miras a continuar ata o 2019, converterase con total probabilidade no mandatario boliviano con maior permanencia presidencial grazas a eleccións democráticas.

En novembro, Uruguai elixirá novo presidente, co mais que probable retorno do ex presidente Tabaré Vázquez, confirmando a hexemonía política que desde 2004 conserva a formación progresista Fronte Amplo. Compre igualmente salientar que en novembro se celebrarán comicios lexislativos en EUA, que se ben terán impacto na política hemisférica non semellan rexistrar un interese político e electoral decisivo como en anteriores ocasións.

Con todo, a inclinación electoral de varios países latinoamericanos a elixir e consolidar no poder a diversos partidos progresistas e de esquerdas semella constituír unha preocupación para as consultoras e cualificadoras, ansiosas por elevar a potencialidade da Alianza do Pacífico como modelo económico.

Por tomar un exemplo: a semana pasada, a cualificadora Moody´s degradou a Costa Rica no seu índice de risco país o mesmo día que igualmente baixaba o de Venezuela, aducindo a posibilidade dun default financeiro para o goberno de Nicolás Maduro, tratamento similar ao acontecido con Arxentina nos derradeiros meses pola súa crise cos “fondos voitres”. En abril pasado, Costa Rica celebrou eleccións presidencias gañadas polo progresista Juan Guillermo Solís, cunha histórica vitoria superior ao 77% dos votos.

Pola súa banda, Moody´s e outras cualificadoras alaban o desempeño económico de México e Colombia, países con gobernos centristas e conservadores, proclives a potenciar as reformas económicas impulsadas polos grandes centros do poder monetario: redución do papel estatal, investimentos en infraestruturas, liberalización do sector público e un marco legal e de integración apropiado.

Nese sentido, estas cualificadoras esfórzanse por diferenciar en diversas tendencias políticas a gobernos pragmáticos, outros progresistas e principalmente a aqueles “populistas de esquerdas”, como os de Venezuela e Arxentina, estigmatizados por rexistrar os peores índices económicos.

Se ben resulta evidente que América Latina xa non rexistra o boom económico alcanzado na década anterior, en particular pola preeminencia dunha dependencia estrutural da evolución dos prezos internacionais das materias primas, o desempeño económico segue a ser notable e parcialmente equilibrado. Non existe na actualidade un descalabro económico similar ao traducido durante a crise da débeda e da hiperinflación na década de 1980 e os posteriores efectos dunha liberalización a ultranza impulsado na década de 1990, e cuxas consecuencias en materia socioeconómica posibilitaron o ascenso electoral de novas expresións e alternativas, moitas delas orixinarias de movementos sociais de cariz progresistas e de esquerdas, e que paulatinamente foron alcanzado democraticamente o poder a comezos do século XXI.

A emerxencia de Brasil e México nos foros e mercados internacionais corre igualmente paralelo cun proceso de redefinición de prioridades, de internacionalización das súas economías e de aparición de novos socios, particularmente no caso de China. Neste sentido, Beijing tense constituído como o principal ou un dos principais socios económicos para países como Brasil, Venezuela e Cuba, así como nun axente de desenvolvemento chave na rexión.

Con todo, a heteroxeneidade e incluso a polarización de signo ideolóxico segue a constituír unha realidade en canto a modelos de integración (UNASUR, CELAC, Alianza do Pacífico, MERCOSUR, ALBA), creados ou reimpulsados na etapa do boom económico pero cuxa pulsación vese moitas veces determinada polas presións dos mercados financeiros.

En definitiva, América Latina sen boom económico transita por un ciclo electoral que finalizará en 2016-2017, onde se anuncian comicios politicamente relevantes en Arxentina, Venezuela, México, Perú e Ecuador, entre outros. Se traduce así un período decisivo para a evolución da heteroxeneidade de modelos de desenvolvemento e de integración existentes na rexión, así como da vocación por abandonar unha condición periférica que lle permita potenciar unha voz emerxente de cara aos cambios no sistema internacional.

(Roberto Mansilla é analista do Igadi)
Mansilla Blanco, Roberto
Mansilla Blanco, Roberto


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES