Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Quenlla, trinta anos

miércoles, 24 de septiembre de 2014
(Leido polo autor en Meira, o 21.9.2014, no decurso da homenaxe que se lle rendeu ao grupo A Quenlla -con Mini e Mero á súa fronte- polos seus primeiros trinta anos).


Foi no San Froilán de 2011, cando á saída da misa en latín cantada polo Orfeón Lucense na igrexa de San Pedro, se escoitaron no exterior os cantos de cego de Mini e Mero, e unha señora á miña beira, díxolle ao seu compañeiro: ¡Oes... Son os Fuxan os Ventos!. Pero foi o xornalista Penoucos, da Voz de Galicia no sur da provincia, o que deu definición exacta cando, na homenaxe rendida en 2012 a Xesús Mato pola Cruz Vermella sarriana, presentou a actuación de Mini e Mero, acompañados doutros tres membros da Quenlla, como “A esencia de Fuxan os Ventos”.

A conxunción “Mini e Mero” comeza a funcionar naquel lonxano, xa mítico, 68, hai 46 anos. E confabúlanse con Mato a comezos dos anos setenta para desfogar as súas infinitas ansias musicais. E, xa formando parte esencial de Fuxan os Ventos nacen brillantemente para a historia gañando o 1º premio do festival musical de Mondoñedo en outubro de 1972. Vai facer 42 anos.

E tocaron a gloria coa punta dos dedos, coas súas voces, coas súas cancións, co seu espíritu... e Fuxan os Ventos foi tan grande, tan inmenso, tan rotundo que no seu interior se formaron dúas tendencias: unha, a de profesionalizarse, a de contentar os gustos musicais populares, a de facer un grupo comercial total... e outro, centrado en Mini e Mero, que querían que a súa música e as súas cancións servisen ao seu país, fosen en todo momento rotundamente galegas, fortemente patrióticas, esencialmente nacionais, nacionalistas, enraizadas na terra e nas xentes, rescatadoras de historia, de lendas, de tradicións, de esencias... reflectindo a vida deste fisterra ao que están vencellados por sempre como por un solemne voto que nunca fixo falla formular.

Morreu aquel primeiro “Fuxan os Ventos”, e eles impuxéronse un tempo de reflexión, nunca de descanso, para investigar, para planificar. Pero moi axiña se puxo de manifesto que non podían vivir sen cantar... e xuntáronse cun violinista, outro cantor... e apareceu A Quenlla... E fai trinta anos. E por ela, por eles, estamos aquí, despois de rebautizarnos no Pedregal de Irimia.

A Quenlla naceu ao seu xeito, á súa medida – ás súas medidas- que coincidían á perfección coas medidas de Galicia, que a fin de contas son - como dixo Manuel María, da Terra Chá- a base de “ferrados de corazón, fanegas de alma”. Por iso aplican criterios extraños neste mundo mercantilizado... cantan gratis cando non hai cartos pagar... son tan solemnes os seus concertos no mellor escenario como na máis humilde palleira... rodeados de micrófonos ou a pleno pulmón, algo que horroriza a calquera que se considera profesional da canción. Eles cantan sempre cando queren, como queren, onde queren, e só para quen queren: os milleiros de amigos que foron colleitando nestes longos anos de vida pública.

Mini dixo unha vez que A Quenlla é “subir pasos dunha escaleira interminable, a gratificación de encontrar novos compañeiros –o vello compañeiro é xa parte dun- cara unha meta que non é meta. Estar, permanecer, e intentar mudar algo se se pode”. E cando digo Mini, e cando digo Mero, digo A Quenlla, que todos son uns, porque todos foron medrando xuntos e A Quenlla é un conxunto a imaxe e semellanza de Mini e Mero.

Para non deixar cabo sen atar, todo empezou escollendo o nome... A QUENLLA...que os técnicos na linguaxe entenden que pode ser unha canle, un rego de auga, a canle por onde cae o gran no muíño, un camiño angosto ou o fondo dun suco... pero tamén é un tiburón azul que habita en todos os mares do mundo, con dentes serrados, curvos, que pode recorrer máis de cinco mil kilómetros na percura de alimento, cun corpo disposto para o combate que non precisa erguer a cabeza para atacar...

Trinta anos despois, polas súas cancións, pola súa combatividade, pola súa entrega, poden responder ao significado de canle (de opinión, de mensaxes, de cancións...), de rego de auga, de fondo dun suco, camiño angosto... ou tiburón azul de longo percorrido que marca territorio musical e patriótico por onde queira que pase.

Cada disco que publican é unha badalada significativa na súa traxectoria e no noso país... E desde aquel primeiro “os tempos aínda non, non son chegados”, toda unha declaración de principios, pasamos por outros que teñen títulos como “A casa que nunca tivemos”, referida a este país; “Namórate da vida”, con cancións contra a droga; “Európolis 88” contra a excesiva fe no europeismo, “Silencios da memoria”, “Unha vez foi o trebón”, en relación cos Irmandiños; ou a “Historia da Lingua” baseada na que escribiu Darío Xohán Cabana... E a canción “Penélope”, en base ao tema bandeira de Xosé María Díaz Castro, que foi preludio do recén nado disco con poemas do noso benquerido amigo, que por valía excepcional, e por teima de Alfonso Blanco conseguíu a honra de que se lle dedicara este último Día das Letras Galegas.

A Quenlla, trinta anos... E virán moitos máis. E non sei se nós estaremos aquí, pero estou seguro de que eles vivirán por sempre... na nosa memoria, na nosa intelixencia, e nos nosos corazóns. ¡Amén!.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania