Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A “navalliña” de Suso Vaamonde

miércoles, 17 de septiembre de 2014
O pasado día 8, cumprindo co ritual da Irmandade en torno a Manuel María en Outeiro de Rei, entregáronse dúas navallas: a primeira foi a que tradicionalmente vén convocándonos entorno a traxectorias galeguistas consolidadas no amor a ese binomio vital que forman lingua e terra. Desta volta Paco Martín pasoulle o testemuño a Felipe Senén, amigo do Manuel e de Saleta, sempre comprometido coa cultura e estudoso dos seus matices cos que nos deleitou na Santa Sabel. Entre as cousas que dixo destaco esa idea de chamarlle “navalliña” (non navalla) ao herdo co que Manuel nos convoca á Irmandade cada 8 de setembro, por aquilo de quitarlle o gume e devolverlle íntegro o espírito de fraternidade, solidariedade e entrega coa que Manuel María a empregaba.

Este ano a Irmandade, sabiamente, decidiu dar ademais unha navalliña póstuma que se lle concedeu a Suso Vaamonde, cantor moi ligado a Manuel María na forma e no fondo, no espírito e mesmo na lira coa que o de Regodobargo interpretou ao chairego. Pódese dicir que a navalliña do Manuel (así, sen gume) pasou desta volta de autodidacta a autodidacta, de comprometido a comprometido, de loitador a loitador, de soñador a soñador e, sobre todo, de “voz de voces” a “voz de voces” porque na obra de ambos están poetas innumerables que os dous recollen para seguir denunciando inxustizas que, por transxeracionais, semellan eternas.

Nos 50 anos que Suso camiñou pola terra, foi terra e fixo terra, deixounos abondosas mostras de amor á xente coa que compartía espazo e destino. Suso foi un deses homes capaces de forxar identidade en cada intervención, traía na lira o ser galego e ademais traíao ateigado de solidariedade. A través dos poetas antergos afrontaba e enfrontábase aos problemas e inxustizas do seu tempo; problemas duros que se cebaban coa febleza labrega, obreira ou mariñeira que nos 60 e 70 loitaron a pé de rúa polos seus dereitos. Problemas que tamén eran ameazas de fóra como a nuclearización de Galicia que motivou o Festival Antinuclear da Ferrería onde naceu a famosa copla que levaría ao noso “xílgaro aloucado” (como lle chamou Mero) ao exilio e ao cárcere.

A navalliña de Suso é unha navalla á liberdade, á solidariedade, á coherencia, á identidade e a un sen fin de valores que Suso encarnaba e impulsaba a encarnar a todo aquel que tiña a ben escoitalo.

Estou convencido que nalgún lugar do paraíso, cando nós andabamos lembrándoos na Santa Sabel, Suso e Manuel andaban, tamén, a armarlle novas coplas para o “Uah!” ao redor dun prato de pan con queixo e dun viño do Ribeiro. Longa vida aos poetas e aos seus cantores. Longa vida ás voces eternas que denuncian inxustizas de onte, de hoxe e de mañá. Sempre Suso Vaamonde. Sempre Manuel María.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania